Lori Meyers emborrachan o Auditorio de Ferrol, 25-abril-2015

Abril 27, 2015

Trátase dunha banda máis ou menos habitual en festivais galegos, pero neste 2015 semella que lles toca centrarse máis na gravación do sexto álbum. Por iso a cita en Ferrol tiña o atractivo especial de única data en Galiza neste ano, co que en parte se xustificaba o prezo de 24 euros. Para este medio ademais supuña a ocasión de valoralos con máis atención, nun concerto de seu e nun recinto con boa acústica. Non tardou en demostrarse que a parroquia máis fan non quería estar sentada pero é o que hai se se queren albergar estes aforos de varios centos de persoas.

Desde os primeiros temas sentín que estaba a presenciar unha banda nun momento álxido da súa traxectoria, cun feixe de cancións tremendamente efectivas, un son máis que notábel (algo alto, na tónica habitual) e unha posta en escea máis que correcta, nun punto ben acaído ente a sobriedade e os artificios. Os seis músicos e a voz de Noni esgrimen unha profesionalidade que se bota en falla en demasía no chamado indie patrio. Ou, como se di tamén, no indiestream, por editaren cun selo potente e soar asequíbel, cun pé na boa tradición do pop feito en español. Seica as bandas granaínas teñen ese algo especial.

Tras daren a benvida ao seu “Hostal Pimodán”, descargaron o seu clásico por excelencia “Luces de neón”, un detalle de seguridade no repertorio. Con maior protagonismo do último “Impronta”, combinaron momentos máis pop con outros máis aguerridos, algunha balada e algún pequeno delirio psicodélico-progresivo que presta para rachar co ton xeral dun concerto. Non faltaron “Luciérnagas y mariposas”, “Planilandia”, “Una señal”, “El tiempo pasará” … e até o detalle de presentar ao vivo a súa última gravación, esa “Telescopio Hubble” para National Geographic … E xa na parte final momentos tan agardados como “Alta fidelidad”, “Mi realidad” e, claro, o bis final con “Emborracharme”.

Independentemente de que, como é lóxico, unhas propostas nos agraden máis ca outras, os prexuízos escusados no que rodea a unha banda (fans de miras curtas, certos apoios mediáticos …) pode emborraxar a nosa opinión sobre ela. Se nos centramos no puramente musical, os Lori Meyers gañaron un lugar salientable no pop español que combina calidade con comerciabilidade. Sen dúbida este concerto prestounos moito máis que os de anteriores citas festivaleiras.

Pepe Cunha, 27-abril-2015

Facebook