Desde a zona de Vigo chega o debut do trío Lontras, un deses discos que desafían a quen queira etiquetalos facilmente. Vas escoitándoo e pensas en referencias e influencias varias e denominacións máis ou menos concretas ou definitorias. Que se indie-folk, que se psicodelia más minimalista, abondo de canción de autor alternativa, un ar electrónico a sobrevoar e unha apariencia de principio minimalista pero que deseguido amosa elementos e detalles que sorprenden se tes os ouvidos atentos. Habitualmente as propostas orixinais e arredadas do máis inmediato (xa sabemos, que se temón, que se petalo …) collen o risco de non ter a repercusión merecida e ter que agardar pola xustiza poética de ser nalgún momento reivindicadas. Esperemos que non sexa o caso e vaian estas liñas como recoñecemento ao artesanado fermoso que transmiten estas cancións de Lontras.
Zalo Rodríguez aos sintetizadores e Sunil López ao piano acompañan as guitarras, ukelele, sintetizadores de Juan Arca, que canta cun xeito peculiar as letras orixinais que escrebe; todas súas agás a de “Cinco fiestras”, con letra de Álvaro Cunqueiro e o propio Arca. Cancións como “Neve e luz”, “Peixe no millo”, Sangue no canal” ou “O principio de incerteza” son exemplos dun traballo coidado que se afina coas colaboracións do baixo de Rubén Iglesias, o violín de María Jorge e o violonchelo de Clara Virseda en varias cancións nunha colección que che leva aos mundos barrocos dun Brian Wilson, cancionistas ao Chico Buarque, Caetano Veloso, Batallán, Amancio Prada, as experimentacións máis “orgánicas” duns Radiohead ou Pink Floyd … e así poderiamos seguer a remexer por nomes máis de connaisseurs. Porén, o importante é adicarlle un tempo e atención a nove cancións que ben o merecen.
Espero non quede noutro disco de culto ou alfaia agochada nunhas baldas da discoteca do pop en galego canda propostas contemporáneas como Néboa, Carabela, Faia Díaz, Caamaño e Ameixeiras, Antía Muíño …. Para non desentoar, o disco -gravado case todo nos estudios Garaxeland baixo a produción dos propios Arca e Rodríguez- conta cunha bonita edición en vinilo ilustrada e deseñada por Marina Pascual Guasch. Desde xa, “Caras no lume” gaña un oco entre os meus discos singulares favoritos, ben pegado aos de Secho, Peña, Holgado …
Pepe Cunha, 13-xullo-2026


