Lobalú

Maio 24, 2012

Ciclo Lubicán con Héctor Lorenzo, Miguel Queixas, Sergio Tannus e Alfonso Calvo.

Héctor Lorenzo e Najla Shami son dous corredores de fondo do precario circuito galego de pubs, bares e festivais modestos, desas iniciativas limitadas en orzamento pero que apostan pola maxia da música ao vivo. Esa mesma na que cren Héctor e Najla, que hai uns anos bautizaron a súa unión musical como Lobalú, que no 2011 debutou con este álbum. A ritmo de folk, música brasileira, jazz ou un chisco de pop, Lobalú entregan íntimidade, sensibilidade, agarimo e poesía. Quen os viu en directo no formato instrumental mínimo sabe do que falamos, pero para o disco cumpría ofrecer algo máis no envoltorio musical. Con este fin, tiraron do talento e a xenerosidade doutros moitos currantes do país: Guillerme Fernández, Sérgio Tannus, un Pedro Pascual especialmente brillante en “Cheguei descalza”, Quim Farinha en “Desexo”, Miguel Queixas, Alfonso Calvo … e do traballo nos mandos de Arturo Vaquero e Jahel Piñeiro (Abrigueiro Estudios). A pesar destas notables achegas instrumentais, ao longo das doce músicas propias bótase en falla, coa excepción de “Rumores de falúas” e “Cheguei descalza”, algún retrouso máis que redondee o gancho de pezas como “Desexo”, “Os menceres” ou “Mans”. A non perder “Vento”, do mellor do disco con ese ar de bolero que abandona no espectacular solo final de Michel González. De seguro o potencial da voz de Najla e a sensibilidade de Héctor á guitarra nos depararán máis bos momentos.
Pepe Cunha, 5-marzo-2012

AXENDA

20:00 h.
Auditorio Gustavo Freire, Lugo