Lobalu

Marzo 03, 2012

5 € / 4 € (anticipada) / 2,5 € (soci@s)
Najla Shami e Héctor Lorenzo presentan o seu novo proxecto Lobalú coa edición do seu primeiro traballo Haikus. Haikus nace arrolado pola primavera. Botou flor devagariño, cos aloumiños dunha ducia e media de músicos e amigos e converteuse nun paseo polas catro estacións do ano enfeitado pola música e a poesía. Sen as moras regulamentarias mais coa métrica da alma, cada composición, atesoura un anaquiño da musicalidade e sensibilidade dos que a conforman. O agasallo da súa impronta fai de cada un deles, creadores deste espazo e catalizadores dun proceso que tivo a súa orixe na sinxeleza dunha guitarra e unha voz. Éste é o resultado. Tres cancións para cada estación, unha para cada mes do ano, de marzo a febreiro, do froito da cerdeira ó tempo de inverno, o que nos leva a chegares descalzos ós momentos importantes da vida e a vivilos coa beleza núa do haiku. En Haikus, estes dóus músicos compostelanos acompáñanse de grandes amigos. Así atopámolas colaboracións de Guillerme Fernández (Berrogüetto, Espido) e Quim Farinha (Berrogüetto, Talabarte) nas guitarras e as cordas do violín e viola; Sérgio Tannus, multinstrumentista brasileiro, no cavaquinho, mandolina e guitarra; Álvaro Vieito e Michel González, dóus guitarristas que afondan no jazz, o primeiro é un músico porriñés cunha traxectoria contrastada e o segundo afincado actualmente en Miami. Tamén traballaron: Pedro Pascual (Marful, Talabarte) que deixou a súa sensibilidade a través do acordeón, accordina e percusións; ó contrabaixo Alfonso Calvo; nas percusións Ángel Sanluis Tejado e Roi Adrio e na batería a Miguel Queixas (Nova Galega de Danza, Banda Crebinsky). O proxecto florece da confluencia creativa que xorde entre Héctor Lorenzo e Najla Shami, un dúo cunha ampla bagaxe que leva case oito anos de traballo conxunto. As composicións, de grande sonoridade navegan entre a música brasileira, o jazz e a música galega cun son moi persoal e cheo de cor e calor. Se tiveramos que escoller unha palabra para definir á artista galega Najla Shami, esa sería “mestizaxe”. De pai palestino e nai galega, o seu sangue reflicte ben esta mestura, factor que define toda a súa traxectoria musical. Formou parte do quinteto vocal Os Tristáns, é integrante da batucada brasileira Trópico de Grelos, forma parte de diversas bandas nas que hoxe en día focaliza o seu traballo musical: Lobalú, In Reverse, Safari Orquestra,… Héctor Lorenzo é un músico autodidacta, comeza o seu camiño no grupo Mugardos. Colabora con Carmen Dor, co trío Brasilefunk, con Isi Vaamonde e únese a Quim Farinha de Berrogüetto, formando o dúo Sol De Farofa, ao que posteriormente se suma a cantante e compositora Najla Shami. Colabora tamén con Uxía Senlle.
www.myspace.com/lobalu

AXENDA

Facebook

11 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook
23:30 h.
Bar Liceum, A Coruña.
5 / 4 / 2,5 €