¡Lo tengo en vinilo!, de Óscar Avendaño

Setembro 29, 2024

Que falar de música a moitas persoas nos gusta case tanto como escoitala é algo que vén de lonxe, pero nos últimos anos constátase na cantidade crecente de libros de música non académicos. Isto é, publicados en torno a nomes ou movementos das músicas populares e escritos polas propias artistas, algo habitual desde hai moito máis no mercado anglosaxón, por exemplo. E non só escritos sobre música en si senón tamén asociados a experiencias vitais, tantas veces interrelacionadas. Por aí se encadra este debut literario: “Esto no va de analizar los discos de mi vida y decir por qué me gustan, sino de recordar quiénes somos gracias a la música”, avisa este vigués do Calvario, músico desde os anos 90 e “profesionalizado” desde que entrou como baixista en Siniestro Total en 2001. Espero que tamén vos soe tamén polo seu proxecto The Bo Derek’s, por certo.

Un total de noventa discos titulan os capítulos dos que consta esta compilación de “cadenas asociativas“, como reza o prólogo de Julián Hernández, compañeiro na única banda que repite presenza, con tres títulos, e que tamén marcou a miña propia traxectoria músico-vital. “¿Cuándo se come aquí?”, “El regreso” e “Made in Japan” son álbums que coincido en reivindicar pero non se trata de contrastar os nosos gustos, aínda que sinto moita afinidade melómana con Avendaño por sermos practicamente da mesma idade e coincidir coa miña parte rock-blues-soul e máis norteamericana. Nesta amalgama de estilos é onde se moven todos os discos, coa excepción das singulares Vainica Doble.

Os de Avendaño son comentarios dun melómano sen ínfula ningunha de amosar erudición, dar leccións de gusto ou agochar prexuízos. Non diserta sobre os discos, senón que os asocia á súa traxectorial vital. Deste xeito, as sensacións asociadas aos discos son as verdadeiras protagonistas, até o punto de que pode acabar un capítulo sen falar do disco en cuestión. Exprésase dun xeito natural e próximo para compartir descubertas, diabruras, anécdotas ao redor de concertos, rupturas, namoramentos, perdas ou frustracións, e tira de nós acenos de complicidade, tristura ou sorrisos, pero sen buscar a bágoa ou a gargallada fáciles. Como menciona no epilogo, hai bandas importantes que deixou fóra porque non lle recordan ningunha época concreta, polo que podemos atopar desde títulos moi coñecidos até outros máis underground, nunha escolma honesta e cuns comentarios nada fachendosos. Pasen e descubran, que hai abondos que o merecen.

Pepe Cunha, 28-setembro-2024

Edita NeoPerson Sounds.

Facebook