Lloyd Cole abre o Sinsal Outono en Vigo o 29 de setembro

Setembro 02, 2016

nota:

O Festival Sinsal Outono 14 abre a súa programación o próximo 29 de setembro co concerto dun clásico contemporáneo británico como é Lloyd Cole. “Lloyd Cole Playing The Classic Lloyd Cole Songbook 1983–1996″ trae a Vigo os temas máis coñecidos do músico, que se presenta en solitario para arrancar o ciclo de outono promovido por Sinsalaudio co apoio do concello de Vigo.

Primeiro foi á fronte do quinteto The Commotions, no lustro que ía de 1982 a 1987 e ao longo de tres discos, e posteriormente en solitario. Dúas etapas que fixeron de Lloyd Cole un dos nomes máis representativos do pop británico atemporal, clásico, do que supera o test do tempo e mantén un estatus contemporáneo. Axiña chamaron a atención as letras deste estudante de filosofía: o seu debut “Rattlesnakes” (1984) viña con incrustacións literarias (Simone de Beauvoir, Norman Mailer, Truman Capote) e unha forte carga de irónica elegancia.
Pero non só de letras de calidade “top” vive Lloyd: sen ir máis lonxe, esa obra significouse tamén como unha das que definiu o jangle pop da súa década. A súa etapa en solitario foi máis ecléctica, iniciándose en 1990 cun álbum homónimo de son máis duro e directo, menos estilizado (e con Robert Quine e Matthew Sweet de colaboradores), que o levou ao # 1 no Reino Unido.

Foi o disparo de saída dunha traxectoria que foi redefiníndose ao longo de máis dunha ducia de títulos (entre eles, dous directos e unha recopilación de rarezas) e que o fixo abalar entre Burt Bacharach, a psiquedelia, o cantautor folk e a electrónica, sempre coa súa pegada, meticulosa e con gusto. Isto último, a electrónica, foi o verniz dun dos discos que publicou en 2013, o instrumental “Selected Studies, Vol. 1”, asinado a medias co veterano Hans Joachim Roedelius, lenda viva da música experimental alemá. O outro que editou ese ano, “Standards”, xa só ao seu nombe, contou con colaboracións de dous músicos que o acompañaron en “Lloyd Cole” (1990), Fred Maher e Matthew Sweet. Un disco no que desactivou o seu modo repousado e apostou pola electricidade.

En setembro de 2015 volveu repetir coa súa vocación electrónica e de experimentar con sintetizadores e publicou “1D Electronics 2012-2014”. En 2016 é o momento de escoitar os seus hits entre 1983 e 1996, proxecto que o leva de xira en solitario para interpretar as súas cancións máis coñecidas.

Festival Sinsal Outono 14
29 de setembro, 21:00
Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei, s/n)
Entradas en www.ataquilla.com
Anticipada: 12 euros. Billeteira: 15 euros

AXENDA