Linho do cuco presenta o novo disco: “As Alegrías”

Marzo 18, 2013

A presentación terá lugar este sábado 23 de marzo ás 22h no Auditorio da Estrada

Tras a presentación comezarán unha “Xira das Alegrías” que encherá de boa música e enerxía o país. Unha xira que inclúe concertos, pasarrúas, sessions vermouts, cabezudos… Alegría! Música tribal galega mesturada coa sonoridade dunha orquestina paneuropea. Bombo, tambor, pandeiretas, gaita, acordeón, zanfona, oboe, frauta… e oito artistazos rebordando clase e enerxía sobre o palco. Oito músicos profesionais que nos ofrecen un concerto para escoitar e bailar.

O novo disco de Linho do cuco está inspirado no interior de Galiza e por iso leva o nome das entrañas do animal: As Alegrías. É un disco corado polo aire cortante do montes do interior de Galiza, que os cabalos salvaxes fan asubiar co seu galope. Mais tamén é un disco que torna o frío interior polo repertorio que contén: repertorio de tabernas, de banda, de verbena, de orquestras do interior. Dos Padernes do Caurel, do Quinteto Monterrei, da Banda de Veteranos de Lalín, da Republicana de Bermés…

Linho do cuco son do Deza, terra de bandas, onde centos de músicos aprenderon a tocar, ensinaron solfexo cunha caligrafía fermosa e ofreceron riqueza cultural e económica. Estas Alegrías son tamén un cariño a eses músicos aos que, sen estar nas cidades, lles chegaron os repertorios modernos, e os adaptaron sen máis prexuízos que o de quererlle á música e atender as demandas do público. Unhas Alegrías tamén para as xentes destas paisaxes rudas, que tardaron décadas en chegar á praia, pero que souberon forxar un repertorio e un estilo propio. Linho do cuco non fan revisións vintage. Que pensen coma os seus avós non lles fai tocar o mesmo que tocaban eles. Desde a tradición, Linho do cuco ofrecen unha proposta de música POPular actual para as sesións vermouts e as verbenas. Para desfrutar do día de festa da mañán á noite.

A presentación do sábado na Estrada estará chea de sorpresas. A canda eles estarán os músicos que colaboran no disco, así como os artistas locais que o deseñaron e escribiron para eles. Entrada 5€.

Linho do cuco son: Pablo Bernárdez (zanfona), Xián Herrera (gaita, pratos, piano de xoguete), Pablo Doval (tuba), Miguel Touriño (bombo), Pablo Pardo (frautas), Marcos Pérez (percusión), Carlos Quintá (acordeón diatónico) e Benxamín Otero (oboe e corno inglés).

AXENDA

Facebook

3 days ago

Ábrete de orellas
Este sábado, na Sala Rebullón, o porriñés Peter Petrowski presenta o seu novo disco de colaboracións, ALL-STARS, co que celebra dez anos de produción musical. 💿A presentación contará coa presenza de practicamente todas as colaboracións que participaron nesta gravación e con Lakenobaila aos pratos, nun evento único e seguramente irrepetible que reunirá algunhas das voces máis importantes das músicas urbanas do País. 🌟Antes das actuacións, poderemos gozar do documental 𝗦𝗘𝗚𝗨𝗜𝗠𝗢𝗦 𝗘𝗡 𝗣É!, que conmemora os 20 anos da banda DAKIDARRÍA , cuxo cantante, Gabri, tamén colabora neste disco. 📽️Ademais, a colaboradora Nuria Vil presentará a curta 𝗗𝗲𝗹𝗶𝗻𝗰𝘂𝗲𝗻𝘁𝗲, baseada no seu poema sobre a historia obreira da cidade de Vigo e dirixida por Alba Domínguez, na que Petrowski asina a posprodución da banda sonora.E para rematar esta gran xuntanza de ALL STARS, ninguén mellor que Sapoconcho SemPoncho .🎉Non te perdas esta celebración da música galega. A cita comeza ás 17:00h coas proxeccións.🎟️ Entrada Anticipada 5€ + G.X / Billeteira: 8€💻 Entrada web: vivetix.com/entradas-peter-petrowski-presentacion-all-stars-2msj?s=link&fbclid=PAZXh0bgNhZW0CMTEA...🏡 Entradas á venda na Cantina As Pedriñas🗓️ Sábado, 5 de Outubro.⏰ 17:00h - Proxeccións 📍Avda. Rebullón Nº 23 - Tameiga.#keler Keler #Tameiga #Concertos #Conciertos #Musica #Comunidade #Mos #Galicia #Salarebullon ... See MoreSee Less
Ver en Facebook