nota:
Lila Downs actuará no Auditorio de Ferrol o 25 de novembro, para presentar o seu último disco “Salón, lágrimas y deseo”. A súa música caracterízase pola multiculturalidade, unha mensaxe comprometida coa xustiza social e o empoderamento da muller
Lila Downs gañouse o respecto de todos grazas a súa voz de reminiscencias telúricas e unha visión firme e confiada da multiculturalidade. A fusión de estilos musicais e o seu compromiso coa xustiza social e o empoderamento da muller, son dúas das características desta artista que será a primeira icona da música latina que actuará no Festival Son[s] de Ferrol, o próximo 25 de novembro.
Downs é filla dunha indíxena mixteca que con 15 anos se escapou do seu pobo para cantar nas cantinas de México. No seu último traballo “Salón, lágrimas y deseo” –o undécimo da súa carreira- reincorpora o bolero, sen esquecer outros estilos como o jazz, blues, soul, cumbia e incluso o rap. Unha mestura na que inclúe clásicos como “La mentira” ou “Piensa en mí”, cunha forza renovada.
Non menos importante é a mensaxe que transmite nas súas letras como o empoderamento da muller en cancións como “Peligrosa”. Un compromiso que lle levou a ser a embaixadora de Amnistía Internacional contra os feminicidios en México.
Downs ten dado cunha fórmula infalible de ritmo, tradición e xustiza social da que poderán ser testemuñas os que acudan ao Auditorio de Ferrol o próximo 25 de novembro.
Auditorio de Ferrol
Cando: Sábado 25 de novembro. 21.00 horas (apertura de portas 20.30)
Entradas: 18 e 20€ anticipada, ataquilla.com e billeteira do Auditorio / Billeteira: 24€