(publicado no suplemento Sermos de Nós Diario o sábado 24 de xaneiro de 2026)
En 2020 soubemos dunha artista nova que gañaba o concurso de Estudios Mans para talentos emerxentes. Fíxoo ela soa, a voz e guitarra, no mesmo formato básico co que gravaría como premio catro das súas composicións. Esta rapaza de voz fermosa e nada en Vila de Cruces licenciárase en Filoloxía Inglesa e con soltura escribía e cantaba nesa lingua. Cumpría seguir os seus vindeiros pasos.
A súa proposta é das que demandan atención polo que conta e como o canta. Cómpre parar a escoitar e apreciar; isto non vai de “temazos”. Xa que logo, as decisións sobre como acompañar a súa proposta non podían caer nas présas por aproveitar o tirón dun premio. Caeu en boas mans e coidárona. Canda músicos ben notábeis fogueouse nos concertos até o punto de publicar un álbum ao vivo. Mais este feito tan rechamante non foi premeditado. O disco está tirado dunha gravación feita desde a mesa de son nun concerto, desas que se fan para ser analizadas pola banda. Seica a calidade do que rexistrou o técnico José García abondaba e podía ver a luz. Entón, quen dixo medo? Ademais, á súa produtora estivo á altura da valentía e estreouse coma discográfica.
“Lux” (10d10, 2022), “unha viaxe sonora a través das luces do día, dende o solpor á noite”, ten un toque introspectivo e espiritual na onda dun Nick Drake e lembra outros nomes do pop folk británico dos primeiros 70, Van Morrison, os Led Zeppelin máis acústicos e recollidos, Madeleine Peyroux, Eva Cassidy … Ás once pezas ao vivo deste debut notábel sumouse ao final unha peza en galego que podía anticipar un seguinte traballo xa na nosa lingua.
E vemos que así foi. “Danza Luz” inclúe esa “Baleiro” canda “Pel”, a peza homónima, “Na sombra”, “Abrente”, unha “Intro” e traxectos instrumentais entre as cancións gravadas. O pianista Iago Mouriño e José García seguen no equipo e agora son Vadim Yucknevich no acordeón e Benxamín Otero no corno inglés quen suman para ofreceren estas músicas íntimas, detallistas e exquisitas que se moven con suavidade pola música popular, o folk, a clásica ou o jazz. Ademais, este traballo gravado ao vivo en estudio é máis ca música, pois o formato físico agasalla coas ilustracións e deseño de María Maquieira e nos concertos coidan moito unha escenografía ad hoc.
“Danza Luz” reafirma unha artista talentosa que, en tempos de efectismo festivaleiro e ditadura dos likes, pide calma, entrega un disco conceptual, libre, como debe ser a creación artística. Talento, sensibilidade, reflexión, poesía, certo halo místico … iso e máis transmite unha Leticia Rey que desexa que “oxalá este tránsito a través das sombras che axude a atopar a luz nelas”. Por certo, este tránsito musical nas plataformas dixitais estará limitado.
Pepe Cunha, 24-xaneiro-2026


