Leo Bassi trae de xira a Galicia a súa “Gran Misa Patólica”

Abril 21, 2015

nota:

O bufón italiano Leo Bassi regresa a Galicia coa misión de evanxelizar dende o humor e a crítica coa súa Iglesia Patólica. Deste xeito, o bufón visitará Ourense, Santiago e As Pontes coa súa Gran Misa Patólica, un espectáculo que realmente marca un fito na carreira de Bassi, porque máis ca unha obra de teatro, é unha verdadeira “misa bufonesca” da famosa Iglesia Patólica, culto de humor, ironía e crítica fundada polo ilustre pallaso en 2012 no barrio de Lavapiés de Madrid. En Galicia, agora estreará esta montaxe inédita, para espallar “a súa fe e devoción” no redentor: un pato de goma. Con este espectáculo, Leo Bassi visitará Ourense o xoves 23 de abril dentro da programación do Miteu (onde tamén ofrecerá unha masterclass), achegarase ás Pontes o venres 24 para representar a súa peza no Cine Alovi ás 21 horas e culminará o seu periplo o sábado 25 no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Xeografía e Historia, Praza de Mazarelos) cunha dobre función (ás 18.00 horas e ás 21.00 horas).
No caso das funcións de Compostela, as entradas custan 10 euros a xeral e 7, os membros acreditados da USC e desempregados. Para adquirilas, cómpre realizar as reservas a través do teléfono 981582836 ou enviando un correo a info@pallasosenrebeldia.org. Con cada entrada, o espectador estará a contribuír no financiamento do Festiclown Palestina 2016. No caso das Pontes, as entradas custarán 10 euros e tamén irán por reserva telefónica, a realizar dende o xoves 16 até o xoves 23 de abril chamando de 9 a 14h ao teléfono 981440344.
MISA PATÓLICA
El culto patólico comezou o seu periplo o 28 de decembro de 2012. Ese día abría un centro de culto chamado El Paticano de Lavapiés, dedicado á adoración dun pato de goma amarelo que se converteu no mesías. Alí celébranse regularmente misas e acontecementos como vodas e bautizos coa súa propia liturxia.
O máis singular é que o que comezou como unha travesura orixinal e divertida converteuse xa en algo que transcende a sátira, poñendo en evidencia as contradicións entre a narrativa oficial da nosa sociedade e os valores da xente que a vive. A raíz de toda esta travesura nace este espectáculo que en Galicia se verá por vez primeira.
O gran bufón Leo Bassi, ademais de ofrecer as misas na súa santa sede, tamén emprende viaxes evanxélicas por todo o orbe, como o que agora o trae a Galicia, para provocar gargalladas e aplausos de consensos con preguntas e reflexións básicas sobre a liberdade de expresión, a ciencia, a tecnoloxía e a relixión.
Non obstante, a Gran Misa Patólica non se limita só a ser un contedor irónico para ordenar os argumentos laicos clásicos. A raíz dos seus propios enfrontamentos cos defensores intolerantes da relixión, Bassi chegou a unha conclusión fundamental: O riso é sagrado e a arte do pallaso ten unha función que conecta coa esencia do ser humano.

AXENDA