Misión cumprida, traballo virado. Xusto cando as pandeireteiras están talvez no seu mellor momento, as pioneiras poñen fin á súa traxectoria. Aquelas que hai máis de trinta anos fixeron o difícil, que era poñer as voces femininas e as pandeiretas no primeiro plano dos palcos, agasállannos agora cunha mini-xira de despedida e a publicación do seu derradeiro álbum. O título vén de atrás e denota anos de elaboración pois se corresponde coa súa xira de 2022 e consiste na recuperación de pezas vellas do seu repertorio co pouso destas tres décadas de ensaios, concertos, colaboracións e vivencias.
Porén, non estamos ante un recompilatorio de gravacións dos seus cinco discos anteriores, algo previsíbel nunha ocasión coma esta. Trátase da actualización de boa parte daquelas primeiras cancións que gravaran nunha maqueta nos seus comezos e que tanto se compartiron entre artistas e agrupacións. Por isto, nestas treces pezas tradicionais recollidas por Montse e Felisa, agás unha pola «A.C. Rosalía de Castro» de Cacheiras, recoñecemos moitos versos que escoitamos nas voces doutras artistas. As percusións e as harmonías das Leilía volveron traballar a produción musical man a man con Xoán Porto (guitarra, gaita e pads) e canda el outros músicos de primeira fila como Xacobe Martínez Antelo ao contrabaixo e os acordeóns de Roberto Comesaña e Xosé Lois Romero nun laborioso disco que se argallou en varios estudios do país (A Ponte, O Local, O Aghocho ou XLR e Abrigueiro), algúns dos propios músicos.
O resultado final é unha -e isto si era previsíbel ao pensarmos nas Leilía- homenaxe elegante ao legado das mulleres que cantaban, ao traballo de campo e á súa reinvención e actualización musical. Montse, Merchi, Patricia, Ana, Rosario e Felisa foron valentes, sensíbeis, revolucionarias, mudaron o conto, e este “Vidas cantadas” que se fixo esperar fai xustiza ao seu labor e a súa influencia. GRAZAS !
Pepe Cunha 11-xaneiro-2024
repertorio
Leelé
Viva quen sabe querer
O corazón polo aire
Amor primeiro
O meu camiño
Tronzar cancelas
Por que non cantades todas?
Vaia festa
Sen permiso
Malas linguas
Sei que sinto
Compostela
Canto de berce
https://open.spotify.com/intl-pt/album/1DWcH4qsu4hsnT0FFNc2ii?si=54Phv4GlQYy58iLocpWOdg