Se hai unha formación caracterizada polo respecto á tradición das pandereteiras esa é Leilía, desde sempre enriba dos escenarios e con máis ou menos frecuencia tamén en gravacións. Desde o último álbum, “Son de Leilía”, pasaron xa seis anos e semella que volven coas baterías cargadas. Este seu quinto traballo e a nova web presentan contidos e continentes que transmiten esforzo, agarimo, paixón e coidado, sen dúbida un empuxe necesario para reinventarse un chisco nunha fórmula que pouca marxe deixa. “ConSentimento” preséntase coma unha reivindicación dos valores da muller galega,na figura da pandereteira Eva Castiñeira e nos textos das poetisas Mariña Pérez Rei, Ana Romaní, Marilar Aleixandre, Ana Amado, Yolanda Castaño, Eva Moreda e Eva Veiga. Falan de respecto, amor (“Como un soño que pasa”), valentía (“Por riba do medo”), amizade (“Voz das amigas”), “Noite de festa” e mesmo dos abusos do poder (“Coiro de cacique”). Iso si, sempre a ritmo de pezas tradicionais recollidas polo país adiante e interpretadas con pouca pero axeitada instrumentación. Deste xeito, o protagonismo das súas voces acompáñase de Xoán Porto na produción musical e varios instrumentos e de Xacobe Martínez no contrabaixo e Vadim Yukhnevich ao acordeón. No traballo das Leilía segue viva a tradición oral galega interpretada no presente. Edita Do Fol: www.folmusica.com
Pepe Cunha. 7-decembro-2011
Featured