Este EP é a tarxeta de presentación do que podería ser un spin-off da Ukestra do Medio, pois atopamos aquí dúas das súas integrantes: César Parcero e Yolanda Porto. Ela é “Lei” e “Loro” (eles) son o propio César e outros dous colegas de Compostela: Manolo Gómez e José Boado, compositor das catro cancións propias, unha en galego e tres en castelán. Vemos logo que non é tanto spin-off para sacar cancións que non encaixan no outro proxecto como afinidades e coincidencias, pois tamén gravaron nos Estudios Potemkni con Jacobo e Luis Iglesias.
A outra peza do mini-álbum é unha versión da “Drivin’ on 9” das Breeders, que nos invita a situalos na xeración que creceu musicalmente a cabalo entre 80 e 90s, co indie pop norteamericano e o brit pop entre outras tendencias. Ao igual que acontece coa Ukestra, poñen especial atención e coidado nas voces e empregan unha instrumentación sinxela, aquí guitarras eléctrica e acústica, baixo e caixón. O resultado é un pop tranquilo, maduro, de escoita agradábel, sen maiores pretensións que falaren de asuntos emocionais e sociais a través de cancións o mellor feitas posíbel: “Y cuando crean que he muerto, canciones yo desgranaré para que sepan que es cierto, que la vida está del revés”
Pepe Cunha, 18-novembro-22