Lapso 2015: The National + The Gift + Best Boy

Abril 30, 2015

nota:

LAPSO 2015 Music Experience
O proxecto nace coa vocación de promover un encontro anual para a mellor música internacional do momento no noroeste peninsular. Búscase que o público que persigue a calidade musical poida atopala en directo a prezos máis accesibles que os habituais de grandes festivais. Asentado no concepto de que o bo sempre dura un instante, esta primeira edición celebrarase na capital galega e durante un só día, aínda que a intención é que en futuras ocasións poidan ser outras urbes as candidatas a acoller este encontro efémero.

O Recinto Feiral de Amio, en Santiago de Compostela, vai acoller mañá o agardado concerto de The National, que actúan por primeira vez en Galicia. A banda de Ohio encabeza o cartel do Lapso 2015, unha nova cita de referencia no panorama español da música en directo enmarcada no ciclo Compostela Rock. Ademais de The National, polo escenario pasarán outras bandas de calidade, como os portugueses The Gift e os galegos Best Boy. Preto de 3.000 persoas gozarán desta programación que se completa con sesións de DJ.
Promovido por I-Radia Crea e Legal Music, coa colaboración de SON Estrella Galicia, o Lapso foi trasladado da Praza da Quintana a Amio, polas previsións de chuvia que poñían en risco a súa celebración. O recinto feiral abrirá as súas portas ao público ás 19:30 horas. Ás 19:45 horas iniciará unha sesión de picadiscos. A continuación, ás 20:30 horas, sairán ao escenario Best Boy. O concerto de The Gift está previsto para as 21:30 horas e o prato forte, The National, farán a súa aparición ás 23:15 horas. Ao rematar este directo, haberá sesión de baile con DJ Chou e Nano Vinilo ata as 02:00 horas.
A empresa municipal de transportes TUSSA programou un reforzo no servizo, cunha liña especial para trasladar aos asistentes desde o centro da cidade ata o recinto feiral. Os autobuses sairán desde as 19:00 horas ata as 22:30 horas de xeito continuado da rúa Ramón Piñeiro (a carón do Parlamento de Galicia). Para regresar ao centro, haberá autobuses desde Amio de xeito continuado desde as 00:00 horas ata as 02:30 horas. As entradas para acudir ao Lapso 2015 pódense adquirir no Teatro Principal de Santiago (martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), na Reixa Tenda, en ticketea.com e entradas.abanca.com, por un prezo de 30 euros. Os tickets tamén estarán á venda no propio recinto de Amio.

AXENDA

20:00 h.
Recinto feiral de Amio, Santiago de Compostela.
30 €