Lapido & Quique González gustándose en “Soltad a los perros”, Sala Capitol, 30-outubro-14

Outubro 31, 2014

Xeneralizando, podemos dicir que nestes momentos a afección de González é maioría, a de Lapido minoría, e a de ambos talvez escasa. Se ben sabemos que a fascinación por un artista mestúrase a cotío cos prexuízos ou comparacións para con outro, o que xa non é comprensible é negar a atención ou case menospreciar. Se cadra, os prexuízos evitaron o cheo na Capitol porque houbo quen non foi por un dos dous. Algo menos comprensible aínda cando son da mesma corda estilistica.

José Ignacio Lapido e Quique González son dous referentes do rock de autor en castelán nas últimas décadas. O primeiro (ex da magnífica banda granaína 091 e louvado pola crítica), non se prodiga moito en xiras e Quique González enche desde hai anos salas e teatros. Esta xira “Soltad a los perros” supón dárense o gusto de interpretar cancións de ambos en formato de banda conxunta e cunha selección baseada na admiración mutua. Ademais, formar a banda con músicos de confianza asegura o bo ambiente no palco.

Estabamos ante a segunda cita da xira e durante as 2 horas da mesma apreciamos que loxicamente o show aínda se pode afinar máis. Aparte de detalles de coordinación nalgunha entrada, letras esquecidas ou volumen nas voces, houbo momentos nos que a combinación de máis de dúas guitarras eléctricas e teclado chegaron a doer nos ouvidos menos machucados pola sobrexposición aos decibelios. Todo isto, poñéndonos esixentes, porque a banda pode fachendear coma poucas de musicazos: Raúl Bernal ás teclas, Víctor Sánchez e Pepo López ás guitarras eléctricas (modelos varios), Ricky Faulkner ao baixo e Edu Olmedo á batería.

Con esta formación tan potente, os dous compositores foron alternando e acompañándose en cancións de ambos. A excepción foron “En el ángulo muerto” de Lapido só con Sánchez e Bernal e “Pequeño rock and roll” con González á acústica abrindo o primeiro bloco de bises. Escoitamos reinterpretacións bastante fieis de pezas ben coñecidas e celebradas (“Ladridos del perro mágico”, “Vidas cruzadas”, “Cuando el ángel decida volver”, “Me agarraste” …) pero tamén dalgunhas “tapadas” como “Deslumbrado”, “El carrusel abandonado” e en especial esa tan fermosa do último álbum en estudio dos 091: “Nubes en forma de pistola”. Os momentos máis acelerados ou rocanroleiros chegaron con “Cuando por fin”, “Hotel Los Ángeles”, “ De espaldas a la realidad” e o peche con ese “soltad a los perros” de “¿Dónde está el dinero?”. Con este repertorio ben equilibrado, confirmábase que a noite mereceu a pena.

Espero que quen descoñecían a Lapido comecen a lle prestar máis atención grazas a esta xira conxunta. Tamén que quen teñen prexuízos para cun máis popular González fixeran o esforzo de cuestionalos. A fama e a popularidade traen consigo estes “desequilibrios”, así que non confundamos gustar con coñecer e perdamos cancións boas por pura pose. Eu xa agradezo que se embarcasen nesta aventura e así volver ver a Lapido, difícil por estes lares. E si, aínda que onte non foi tan grave coma outras veces, segue a abondar a xente que pasa boa parte do concerto falando.

Pepe Cunha, 31-outubro-2014

Ladridos del perro mágico
La luna debajo del brazo
El carrusel abandonado
Me agarraste
Luz de ciudades en llamas
Se equivocaban contigo
Deslumbrado
Antes de morir de pena
Kid Chocolate
Hotel Los Ángeles
En el backstage
El más allá
Dallas-Memphis
En medio de ningún lado
Clase media
Algo me aleja de ti
De espaldas a la realidad
Cuando por fin

Pequeño rock and roll
En el ángulo muerto
Nubes con forma de pistola
Vidas cruzadas

Cuando el ángel decida volver
¿Dónde están los perros?

AXENDA