Hai dous anos recibiamos desde Valencia un disco misteriosamente atractivo, breve e intenso, titulado ”Gran mandíbula”. Lanuca, que así se chama o proxecto de Ángela Bonet, xa autoeditara un predecesor, “Pómulo” (2013), co que compartía unha liña de sonoridade, maneiras e duración. Agora “Tibia turbia” completa a triloxía destes mini-álbumes (non superan a media hora), con media ducia de composicións, unha delas instrumental, e unha canción antiga levada ao seu terreo. A proposta mantén a liña de risco e sensibilidade, de atmosferas nebulosas, delicadamente ásperas, pesadamente suaves ou etéreas cunha sonoridade slow core, lo-fi, de melodías minimalistas ao Velvet/LouReed, …
Esta última entrega reforza a personalidade da proposta ao tempo que continúa a evolución en complexidade e cara un concepto de banda. As cancións xa duran máis porque os instrumentos van requerindo os seus momentos de protagonismo. A voz fráxil e doce de Ángela vístese coa forza e solidez sonora resultante da unión das guitarras ben desatadas de Manolo Bertrán, os sintes de Ana Santos e as percusións do tamén produtor Dani Cardona. A novidade instrumental neste traballo é o cello de Vanessa Juan, ben presente en “Pétalo de abismo” ou xogando co sinte en “Besos tormenta”. Todas as cancións teñen a súa correspondente ambientación a base de contrastes, distorsións, disonancia, minimalismo ,,, pero non podo deixar de salientar a fantástica versión fantástica de “Mirando el mar” de Jorge Sepúlveda ou o máis parecido a un “single”: “Mi revólver”.
A proposta de Lanuca non é das que queren entrar á primeira escoita, non é das de recoñecemento doado. Si é alternativa e independente, pensando no sentido orixinario destes adxectivos e sen significar precariedade interpretativa. Se tes media hora para escoitar con calma, fai a proba e déixate desacougar con estes particulares arrolos cheos de nubes sonoras combinadas con xeito.
Pepe Cunha, 13-xuño-2017