Lanuca “Rémora”

Xaneiro 24, 2019

Cada remesa de cancións da valenciana Ángela Bonet e o seu proxecto Lanuca é ben recibida, porque os tres mini-álbums “Pómulo” (2013), “Gran mandíbula” (2015) e “Tibia turbia” (2016) tiñan o seu magnetismo. Espertaban curiosidade e intriga, movíannos de propostas máis habituais ou predicibeis e dificultaban a descrición. Resumindo moito, falariamos dunha proposta de canción pop-folk etérea, coas guitarras de Manolo Bertrán achegando un contraste áspero para a voz fráxil da protagonista. Iso si, a cada entrega con máis matices e achegas instrumentais. “Investigando en las texturas sonoras, melodías sencillas y letras personales, crea un universo sonoro propio”, describen ben na súa web.

Agora recibimos este álbum de 10 cancións que consolida a liña ascendente e o enriquecemento de Lanuca. A voz segue a ser elemento característico, coa súa mestura de fraxilidade e sedución, pero cede protagonismo, como querendo ser un elemento máis e mesmo hai tres instrumentais. Non é unha novidade que os inclúa pero si que sexan tan notabeis e diferentes entre eles: roqueiro “8.000 m2”, máis (post)roqueiro “150km/h” e minimalista “19.49”. As guitarras seguen brillando ou escurecendo canda a instrumentación orgánica (cello, batería, trompeta, batería …), pero desta vez os sintetizadores cobran moita relevancia na construción das atmosferas.

Ademais, trátase de novo dun traballo artesanal e con identidade propia, que xa soa realmente a banda. Aquí hai sensibilidade, innovación, calidade, experimentación, rock underground (aires á Velvet en “Monte de Venus”), pop con electrónica e momentos onírocos tamén en “Monte de Venus”, o single “Himalaya”, “Hasta Orión”, “Piel con piel” … Non teñas dúbida en lle facer sitio no estante de propostas semellantes, como Joana Newson, Aries, Lidia Damunt … Pero o mellor que se pode dicir é que practicamente todas as cancións teñan cadanseu aquel, facendo desa variedade o gran acerto de “Rémora”.

Pepe Cunha, 24-xaneiro-2019

AXENDA

Facebook