“Este disco está dedicado a todos los que sondean el abismo al menos dos veces al día”, escrebe a valenciana Ángela Bonet na contracapa do seu novo EP. Esa idea de “abismo” reflíctese nunha proposta que parte dun folque heterodoxo arrolado polas guitarras eléctricas e cómplices de Manolo Bertrán (Doctor Divago). Sobre estas apóiase unha voz de corte infantil que espalla sutilmente doses suaves e crispadas de misterio, xa características do seu debut autoeditado “Pómulo” (2013).
Agora ao dúo principal súmanse puntualmente Ana Santos nos sintetizadores e Dani Cardona na percusión para matizar unhas cancións que se van apreciando a medida que se vence esa primeira impresión de sorpresa ou descolocación. Entre as 6 novas cancións con Infinito Discos, algunhas máis asequibeis ou conseguidas como “Flor de loto” ou “Grieta carmín” e a instrumental e deliciosa “Valentina & Johanna, pero trátase dun disco que non chega á media hora e invita á curiosidade por volver tamén a “Gran mandíbula” ou os aires de raíz de “Arde”.
Coma premio, un agasallo oculto da listaxe de cancións: nada menos que unha versión do “Corazón contento” (Palito Ortega, Marisol ) ben levada á súa atmosfera persoal. Recomendábel para ouvidos que procuren mergullarse de cando en vez en cancións máis enigmáticas do que nos ofrecen os programas máis convencionais.
Pepe Cunha, 26-maio-2015