continúan as Festas do Barrio de San Pedro, que celebran a súa décima edición, cunha noitaza de foliada na que brillarán o melloriño do panorama tradicional galego actual: Lagharteiras, Vaamonde, Lamas e Romero e Radio Cos.
Radio Cos son Xurxo Fernandes e Quique Peón, cantantes e percusionistas do grupo, son dous referentes no eido da investigación etnográfica en Galiza. As melodías utilizadas neste proxecto pertencen aos seus arquivos de gravacións de campo, traballo que levan facendo por todo o país desde hai máis de tres décadas. Vai para xa nove anos que RADIO COS leva percorrendo escenarios en Bélxica, Inglaterra, Escocia, Bretaña e Galiza transmitindo o seu modo de entender a nosa música tradicional.
Vaamonde, Lamas e Romero son o trío máis retranqueiro da música galega que se renovou para presentarnos a súa nova proposta escénica, acompañada de novo disco: ‘O tambor de prata’. Un repertorio composto exclusivamente por temas dunha única formación da historia de Galicia: Os Trintas de Trives.
Como xa nos teñen acostumados, Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero, ofrécennos a súa particular visión cómica e desprexuizada deste cuarteto, que triunfou hai máis dun século aquí e alén das nosas fronteiras e cuxa traxectoria é un cúmulo de singularidades, anécdotas e vangardismo. O cosmopolitismo na montaña ourensá.
Lagharteiras é un grupo de pandereteiras nado en 2008 en Vigo, co obxectivo de recuperar e divulgar as músicas, cantos, instrumentos e vestiario tradicional galego, así como os distintos xeitos de tocar e de cantar que se dan por todo o país, utilizando para a súa interpretación distintos instrumentos e obxectos cos que se acompañaba o canto.
O grupo confórmano 10 mulleres (normalmente actúan 5-6) que proseguen a compilar, conservar e transmitir o legado cultural que durante xeracións foise conservando e que chegou a nós, co cal intentan interpretar as distintas pezas mantendo dentro das súas posibilidades a autenticidade e orixinalidade das recollidas de campo que realizaron durante anos de investigación.
“Amor de barrio” é o lema das Festas do Barrio de San Pedro, que se celebrarán do martes 25 ao domingo 30 de xuño, con case 40 actividades en toda a zona. Organiza a Comisión de Festas do Barrio de San Pedro coa colaboración da Asociación Veciñal A Xuntanza, os Comerciantes do Barrio de San Pedro e os veciños e veciñas.
E, coma sempre, estamos diante das festas máis populares da cidade, levadas a cabo co esforzo dos veciños e veciñas. Máis de 150 voluntarias (si, elas son maioría abrumadora) fan posible unhas 40 actividades de todos os xéneros en cinco días días.
Podedes consultar o programa completo aquí: