labregos do tempo dos sputniks “libremente”

Setembro 26, 2016

Dez anos levan O Leo (i Arremecaghoná) e o García (García MC, Dios ke te Crew …) con este proxecto ao que hai máis ou menos a metade de tempo se uniu a Lydia (Bolboreta)sustituínbdo a Vero. Mais non é até agora que podemos telos en disco. A súa mestura rebelde e irmandiña de punk e hip hop só se podía escoitar ao vivo, nuns directos case espontáneos, nos que chegan e tocan, con toda a forza e a emoción do mundo e o puño en alto.

Agora que semellan aparcar o proxecto é cando editan o seu debut, gravado no estudio Rapapoulo e claramente aliñado coa súa idea de artificios os xustos. “Libremente” é unha gravación austera, directa, de loita desde a trincheira desde que abre con “Un vento vén”, onde colaboran uns mestres recoñecidos como Mini e Mero. E se estes son referentes e versionados (“Cántiga pra unha antroidada”), qué dicir da poesía de Celso Emilio Ferreiro ? Até cinco cancións baséanse en versos seus, fronte unha cos de Lois Pereiro e que resulta un momento ben salientábel do disco: “Amor e sangue en Chiapas”. Tamén cómpre salientar o humor e a denuncia nas recreacións de dous clásicos do rock próximo ao punk: “Should I Stay or Should I go?” dos Clash e “I Wanna Be Your Dog” dos Stooges, bautizadas respectivamente como “Vil.lingüismo harmónico” e “Soituperra”. A loita desde Cuba chega con “Comandante Rebeldía” de Carlos Puebla.

Aquí queda rexistrado o activismo que representan Labregos do tempo dos sputniks, procurando espertar ou reafirmar conciencias, o compromiso coa poesía e a terra, co inconformismo e contra os abusos e a inxustiza, mais tamén co lado salvaxe de rock e a música suada ao vivo

Pepe Cunha, 26-setembro-2016

AXENDA