La Familia está formada por músicos novos pero con experiencia noutras bandas da zona de Vigo coma O Trem Fantasma, Igloo, The Blows, Circular ou Maryland. A súa presentación da man de Ernie Producciones está gravada e producida polo propio grupo no estudio caseiro do baixista Carlos Gil, completando a banda Iván Patiño aos teclados e Álex Penido á batería. O nome da banda e o do seu álbum debut apuntan dúas características clave na súa proposta: familiaridade e normalidade.
Non procuredes aquí ruídos raros ou supostamente modernos, textos pretenciosos ou moita pose. O seu estilo resulta familiar porque se trata dun pop clásico, melancólico, doce e con certo aire outonal que remitiría a bandas españolas dos 60 como Los Brincos ou actuais coma Lori Meyers, Tachenko ou La Costa Brava. As letras do guitarrista e voz Santi Araújo falan de sensacións e feitos normais, son costumistas, contradictorias, cínicas ou sinxelas, amosándose -á interpretación do consumidor- ora cándidas, ora inxenuas. Apostan por crear atmosferas melancólicas e bucólicas cun son actualizado e cunhas pingas de ritmos folkies como os coros ao Fleet Foxes en “Un rayo de sol”.
Aquí os ornamentos son contados, en forma dalgúns arranxos de cordas, os ventos en “Gira mundial” ou a mandolina na mencionada “Un rayo de sol”. Ademais desta, entregan outras pezas tan contaxiosas coma ”Hoy Me Siento Cowboy”, “Solución” ou “Me quiero enamorar”. Porén, tamén achegan pezas que saborear algo máis e que apuntan ao crecemento da banda, coma “Qué puedo perder”. Un feixe de cancións nas que saborear o bo facer dentro do normal e recoñecible.
Pepe Cunha 6-febreiro-11