A terceira cita do ciclo Jazzatlántica tiña lugar un luns, pero o reclamo era abondo para unha boa entrada no Centro Ágora da Coruña. Kurt Elling é un dos máis salientables vocalistas da súa xeración e xa visitara Galiza nos festivais Jazz de Pontevedra e Lugo. Seguramente, moita xente fixo por repetir e outra foi ben aconsellada ou curiosa. Así, a piques estivo de acadarse o cheo para asistirmos a un concerto memorable.
Acompañado do seu fiel Laurence Hobgood ao piano, John Mclean á guitarra, Clark Sommers ao contrabaixo e Bryan Carter na batería chegaba dentro da xira de presentación do seu recente “1619 Broadway. The Brill Building Tour”. Como é habitual nestes casos, unha selección deste ocupou practicamente a metade do seu recital coruñés. Por se non chegase coa súa interpretación para atrapar o público, tivo o detalle amable e simpático de chapurrear boa parte das súas locucións en castelán.
Desde o comezo con “Come Fly With Me”, convenceu a súa naturalidade para manexar distintos rexistros de voz. En “You Send Me” e “On Broadway” non deixou dúbidas de que adora reinventar as cancións que versiona en troques de quedar nunha complaciente interpretación. Con “Samurai Cowboy” os seus xogos e experimentación coa voz puxéronse á altura dos habituais solos jazzísticos que ían regalando os seus talentosos acompañantes, todos cun ou varios momentos de gloria. O do contrabaixista foi, sen dúbida, na interpretación do “Lonely Avenue” de Ray Charles co resto dos músicos acompañando os coros. O seu acompañante por tantos anos ao piano estivo soberbio no solo da peza de Bucharach and David, por citar só un de moitos fragmentos.
Houbo momentos de interpretacións máis estándar, máis comúns, pero sempre co seu incuestionable talento vocal como selo de identidade. Entre estes, “A House is not a Home” ou “I Only Have Eyes For You” foron gloria bendita. Na banda da experimentación e versatilidade, a recreación do “Golden Lady” de Stevie Wonder foi outro punto álxido do concerto así como os seus xogos con reverbs e loops de voz que se beneficiaron dunha boa acústica do Ágora. Sen dúbida, facendo 200 concertos ao ano as condicións sonoras apenas escapan do control da banda.
Por se non chegaba con moverse polos jazz, swing, blues, soul ou a balada, incrementou a variedade estilística do concerto co bolero “Si te contara” e no bis coa bossa nova “Luiza” de Tom Jobim, completando unha xenerosa hora e media de actuación. Como reflectiron as ovacións do público, unha inmellorable velada de luns premiada con talento, entretemento e espectáculo levados á súa máis impecable versión.
Pepe Cunha, 13-novembro-2012
( foto cedida polo noso amigo Gus )
Os vindeiras concertos deste ciclo argallado polo Consorcio para la Promoción de la Música son as seguintes:
20 de novembro (martes)
Paquito D”Rivera no Ágora.
26 de novembro (luns)
Christian Scott no Ágora.
28 de novembro (mércores)
Abe Rábade Trio no Ágora.
1 de decembro (sábado)
China Moses no Ágora.