Koroiev “Valverde”

Marzo 05, 2020

Existen proxectos musicais que resultan atractivos desde a dificultade de definilos ou encadralos nun estilo, etiqueta ou tendencia, aínda que no seu bandcamp Koroiev propón “electrónica onírica” para nos aforrar ese mal grolo. A preponderancia da convencionalidade provoca que ese desafío aos ouvidos que os fai interesantes poida traer consigo quedaren nunha terra de ninguén e agochados dun público ávido de recibirmos tamén propostas menos convencionais. Afortunadamente, aquí aparece o labor de editoras que suman para reflectir a diversidade.

Neste caso é Ferror Records quen, con modestia e elegancia, saca á luz a continuación dos álbumes autoproducidos “Kostia Bogomov” (2015) e “Hechos Tocantes al Joven Kostia Bogomov. Moradores del Otro Mundo” (2013). Roberto Casteleiro (Primrose ou Fagot & Popota) é o cerebro tras este universo por onde coinciden un personaxe e un lugar: “Este disco continúa a historia de Kostia Bogomov, que abriu a porta do outro mundo no tempo aquil no que os animales falaban. Amenceu en Valverde, cidade asolagada baixo a noite. Nunca ouviu falar desta terra de aldeas mudas e camiños estrelecidos sen fin nin comenzo. Aquí está, no seu principio.”

No disco “Valverde” caben a simboloxía celta, o poeta Celso Ferreiro, Schubert ou a tribalidade das lendas ou as crenzas funerarias e nel xogan os sintetizadores e as caixas de ritmos con guitarras eléctricas ou pandeiretas. Desta vez sen textos, a electrónica casa co folk e o progresivo e tan pronto a luminosidade loita por se facer sitio na escuridade como un ton épico se apodera do conxunto sonoro. Pouco máis que engadir ao desexo de que estas liñas sirvan como invitación a probares que sensación producen estes sons en ti.

Pepe Cunha, 5-marzo-2020

AXENDA