KIRO, o documental sobre Ana Kiro e o seu público, chegará aos cinemas o 11 de decembro

Setembro 10, 2026

nota:

KIRO, o documental sobre a figura de Ana Kiro dirixido por María Yáñez, chegará aos cinemas o vindeiro 11 de decembro. Antes da súa estrea comercial, a película terá a súa primeira estrea en Galicia o 26 de setembro no marco do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF). Coincidindo co anuncio destas primeiras datas, KIRO presenta tamén o seu cartel oficial, deseñado por SOPA.

KIRO celebra a figura dunha das grandes iconas da cultura popular galega e a especial relación que Ana Kiro mantivo co seu público. A artista forxou o seu status de diva popular nos anos 80 e 90 percorrendo verbenas por toda Galicia, vendendo centos de miles de discos e casetes e actuando ante miles de persoas en Europa e Latinoamérica.

A película achégase á súa traxectoria desde o punto de vista dos fans e do público que a seguiu, facendo dialogar a súa biografía coas vidas de diferentes persoas a través do testemuño, da conversa e da reescoita e reinterpretación das súas cancións desde a actualidade. O documental propón así unha mirada sobre o poder emocional da canción lixeira nunha cultura minorizada e marcada pola emigración.

A estrea no OUFF o sábado 26 de setembro será a primeira oportunidade de ver KIRO en Galicia e marcará o inicio do percorrido público dunha película que chegará aos cinemas o 11 de decembro.

Un documental musical, coral e performativo

KIRO constrúe un retrato coral no que a historia de Ana Kiro se cruza coa do seu público. No filme participan, entre outras persoas, membros da Agrupación Cultural Saudade de Barcelona, a escritora Brigitte Vasallo, músicos como Nuno Pico (Grande Amore), Sés ou Xosé Manuel Pereiro, investigadores que estudaron a figura da cantante, familiares, amigos e profesionais vinculados á súa traxectoria televisiva, ademais de público anónimo que segue cantando e bailando as súas cancións.

O documental está dirixido por María Yáñez, creadora e publicista cunha ampla traxectoria na promoción do cinema e nos medios dixitais, para quen KIRO é a súa primeira longametraxe como directora.

KIRO é unha produción de Miramemira, Zuzú Cinema e Amorambre.

O filme conta co financiamento do ICAA-Ministerio de Cultura, Europa Creativa MEDIA, Agadic-Xunta de Galicia. Con participación da Televisión de Galicia, Deputación de Ourense e apoio á distribución da Deputación da Coruña.

AXENDA

Facebook