Kepa Junkera & Sorginak “Maletak”

Agosto 25, 2017

Aínda que este disco disque foi gravado máis na casa, o “mítico” acordeonista non abandona a súa liña habitual de colaboracións. Se xa no anterior “Galiza”, aquí comentado, atopabamos moitísim@s artistas do noso país, o último traballo de Kepa Junkera expándese polo territorio español para acoller un centenar de músic@s e unha instrumentación abondosa. Ademais, volve contar coa colaboración das Sorginak, vocalistas e pandeireteiras. Pezas como “Marea Zumaian” ou “Errekarriak” son mostras do brillo que achegan ás súas voces. Porén, hai máis presenza vocal éuscara (Ion Elustondo, Beloki, Imanol Urkizu, Xabi Solano…) e até o referente do folque peninsular Eliseo Parra.

Poderiamos encher liñas só mencionando nomes propios e instrumentos como a alboka de Ibon Koterón, a txalaparta de Oreka TX, Daniel do Pando coa súa trompa de Fonsagrada, o violín do burgalés Diego Galáz (de Fetén Fetén), o saxo de Pedro Lamas, a guitarra flamenca de José Luis Montón e Josete Ordoñez, Antonio Serrano á harmónica), Germán Díaz na zanfona … e só con estes podemos facernos unha previsión dos mil e un detalles de “Maletak”, un proxecto onde ademais das habituais composicións instrumentais teñen presenza notábel os textos das cancións. Junkera contou cun feixe de colaboradores como Andoni Egaña, Jon Maia, Mikel Sarriegi e Xabier Sarasola. Segundo Junkera,”refleja un mundo muy surrealista que no tiene una explicación directa pero que trata de proponer un juego de imágenes y músicas plásticas y llamativas». Como rechamante é a presentación física do disco coas súas fotos e postais.

Malia tanta colaboración, que non abafa tanto como podería parecer a priori, a trikitixa do artista segue a marcar a liña de referencia nos 17 (!!!) cortes do álbum. Estes poderían dividirse nunha cara máis experimental nas harmonías e outra máis inmediata ou fresca. A propia “Maletak” pecha o disco coa súa riqueza en idiomas e voces, e trátase, en palabras de Junkera, dunha “forma de recoller na nosa maleta todas esas experiencias resultantes das nosas viaxes e encontros con outras culturas a través dun instrumento sinxelo pero moi desenvolvido en diferentes rexións da península como a pandeireta».

Moito que degustar desde o amor ao folque, sexa de onde sexa.

PepeCunha, 25-agosto-2017

AXENDA

Facebook