kepa junkera “galiza”

Decembro 11, 2013

A relación afectiva de Kepa Junkera con Galiza creceu a base de concertos e colaboracións con músicos dun país onde é moi apreciado. As amizades con compañeir@s de profesión e o talento acaban por reflectirse ao grande neste traballo presentado en libro de 50 páxinas + dobre álbum. O embaixador da música vasca fai por reinventarse e ofrecer discos diferentes e desta vez debemos sentir orgullo de que adique un por enteiro á nosa música: material vocal e instrumental galego mesturado con trikitixa e txalaparta en sesións rexistradas en diferentes estudios da nosa xeografía e Euskadi.

Se a presentación é magnífica, a lista de estilos é estensa e variada: agarrado, valse, rumba, xota, muiñeira, alalá, pasodoble, canción … Para isto contou cunha representación numerosa da nosa escena actual, aínda que non faltará quen bote en falla este ou aquel nome. Hainos máis consagrados (Luar na Lubre, Uxía, Os Cempés, Leilía, Budiño …), emerxentes nos últimos anos (Davide Salvado, Radio Cos …), formacións máis tradicionais (Treixadura, Pandereteiros de O Fiadeiro …), case improvisadas (A Banda das Crechas) ou máis académicas ou viveiros musicais (Sondeseu, o alumnado da Central Folque) e mestres que pasan dos 80 anos e son o vencello máis antigo co popular. Estes útimos encontros con Emilo do Pando, tocador de birimbao ou trompa galega, e Pazos de Merexo, acordeonista, deberon ser emocionantes.

Nun traballo de colaboración entre músicos de diferentes latitudes é entendíbel que aparezan pezas que para nós resultan abondo recoñecíbeis ou recurrentes, pero incluso eses momentos saen airosos das relecturas: “A Pousa” con Luar na Lubre, “Vén bailar Carmiña” con Sondeseu, “O galo” co Centro Galego de Barakaldo ou “Unha noite na eira do trigo” con Uxía. “Galiza” é un traballo xeneroso que transmite enerxía, variedade, de gravacións que soan directas, sen maquillaxe, ás veces case espontáneas. Porén, non falta a delicada caricia na fusión da trikitixa coa orquestra folc Sondeseu ou o chisco de experimentación nun Alalá con Cristina Pato. Entre os moitos momentos salientábeis, o “Maneo de Silván /Roman Urrazaren Jotea” con Radio Cos, a rumba de Marciademera con Sondeseu, as muiñeiras con do Pando, as voces das Adufeiras de Salitre e os Pandereteiros de O Fiadeiro, o “Lelele” coa Bandas das Crechas e Davide Salvado … En fin, moito que escoitar e dosificar para non quedar abafado e así aprezalo mellor.

Pepe Cunha, 11-decembro-2013

AXENDA

Facebook

5 days ago

Ábrete de orellas
DULZARO e Mondra xúntanse en "Un labradorito" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook