Kepa Junkera

Maio 04, 2013

nota:

O acordeonista vasco Kepa Junquera ofertará este sábado 4 de Maio un curso para acordeonistas e un concerto aberto ao público na casa de turismo rural Casa Lourán. ACentral Folque, Casa Lourán e Asociación Cultural O Abordelo unen esforzos nesta iniciativa, que traerá a Monfero a unha das figuras internacionais do folk actual que está a preparar o seu vindeiro disco que sairá á venda en outono e que versa sobre a música galega.

Esta fin de semana os afeizoados aos folk e especialmente os amantes do acordeón teñen unha cita ineludible coa trikitixa. Kepa Junquera, é a persoa que levou este instrumento tan representativo da música tradicional e popular vasca a unha tranformación tanto a nivel repertorio, composición e interpretación como na fusión con outros estilos e instrumentos alleos á música tradicional.

Cunha longa carreira musical polos escenarios de todo o mundo, nos que colaborou con aritistas tan diversos como La Bottine Souriante, The Chieftains, La Musgaña, Caetano Veloso ou Carlos Núñez, Kepa Junquera é un dos artistas máis internacionais da música vasca.

Os acordeonistas interesados en participar no curso terán á súa disposición material con repertorio vasco para trikitixa que poderán adaptar para o tipo de acordeón que utilicen normalmente. Para asistir non é preciso ter un nivel concreto, é aberto para toda persoa familiarizada con instrumento. Para matricularse só é preciso contactar con matricula@folque.com

Á noite Kepa Junquera ofertará un concerto en solitario nun entorno tan peculiar como é a palleira de Casa Lourán. É aberto a todo o público interesado cun custe de entrada de 6€ (non é precisa reserva)

A organización corre a cargo de aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, con sede en Santiago de Compostela, e as entidades locais Casa Lourán e a A.C. O Abordelo, que pretenden promover unha oferta cultural-musical nun entorno rural, autoxestionada e accesible para todo o público.

Data: 4 de maio
Lugar: Casa Lourán, Monfero
Curso: acordeón diatónico
Concerto: Palleira da Casa Lourán, 22.30 h. 6 h

AXENDA

22:30 h.
Palleira da Casa Lourán, Monfero.
6 €