julie guravich & víctor aneiros band “back from the blues”

Maio 10, 2012

Existe unha tendencia a falarmos de escenas e xeracións nisto das manifestacións culturais. Por influencia do Festival Felipop en Limodre (Fene) e propostas como Quant, O Neno Elliott, Roger de Flor ou Ampi Arias, pois fálase de que Ferrol é máis de pop. Pero aquí temos a proba de que non é así. O jazz e o blues tamén teñen a súa presencia e aceptación e mesmo contamos durante uns anos co OUT Jazz, festival onde recibimos notables artistas galegos, da Península e internacionais. Precisamente de fóra chegou nos 90 a canadiana Julie Guravich, formada no Conservatorio de Toronto e con experiencia en teatro, obras musicais e solista na Atlantic Symphony Choir. Aquí quedou e foi facéndose un nome nos circuitos de jazz e blues da bisbarra de Ferrol e Ortegal ( Unión Costa Oeste Big band, Atlantic blues, Julie Guravich quartet…), ademais de colaborar con músicos como Baldo Martínez ou Saraibas. Como tiña que acontecer, a súa paixón polo blues e a súa gañada condición de ferrolterrá levárona a colaborar máis regularmente coa Víctor Aneiros Band, xa un nome no blues feito no país. A banda conta así cunha vocalista feminina e angloparlante e Julie cunha solvente banda de músicos. O disco non podía tardar e aquí chega “Back from the Blues” co selo especializado Gaztelupeko Hotsak.

Se os músicos da banda (notable Manuel Gutiérrez ao piano) son “da casa” e o baixista Víctor Gacio conta cuns estudios en Neda, tampouco era necesario ir lonxe para gravar. Os dous Víctor produciron e rexistraron estas cancións, sete versións e tres temas orixinais construídos a partir de letras que achegou Julie. Esas “Yes, I Know”, “Back from the Blues” e “Driving Home Blues” soan clásicas e non desentonan nin un chisco no conxunto do álbum. Sen moverse da casa, había que aproveitar tamén o hammond de Fran Rey en varias pezas e a notabilísima visita da harmónica de Mingo Balaguer ao OUT Jazz 2011 para darlle máis brillo as versións de “Hey Bartender” e “The Feeling Music Brings”. É de agradecer que os clásicos elixidos para versionar non estean demasiado mallados e que, por exemplo, o “I Can’t Stand the Rain” de Ann Peebles sexa reinterpretado cara ao soul. Ademais das mencionadas, “The Felling Music Brings” ou “Same Old Blues” son do mellor dun disco recomendable se esperas blues eléctrico, auténtico, clásico e, por ende, algo previsible. Se buscas sorpresas alén dunha voz correcta e con feeling, pingas de soul e rock aquí e aló e uns músicos lucíndose, non será este o teu disco.

Pepe Cunha, 10-maio-2012

AXENDA

Facebook

9 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook