Josele Santiago “Transilvania”

Marzo 20, 2018

Conservar o selo propio, esa marca da casa na composición, e entregar unha boa colección de cancións nun disco. Ese podería ser o reto de Josele Santiago. Mais seguramente el non se poña outro que seguir contando cousas o mellor que lle sae en cada momento, sen grandes pretensións nin présas, esperando cada momento. Así leva xa cinco discos á marxe da banda Los Enemigos e talvez con este “Transilvania” se marque o mellor, ou o máis completo, desde aquel primeiro “Las golondrinas etcétera” (2004). E de seguro moito mérito cae na produción de Raül Refree e un cheiro a diversión no estudio de gravación.

O catalán ten ese don de remover desa zona de confort o estilo dun artista, como fixo, por exemplo, con Kiko Veneno. Iso si, sen que se perda identidade e achegando o brillo de detalles novos. Sumando sonoridades varias, pingas de armonio, mellotrón, sintetizadores, banjo, clarinete … ou restando cara a unha instrumentación máis básica, nítida e espida. Desta atopamos mostras ao principio con “Un guardia civil” e no peche con “Sonia”. Entre elas, unha produción versátil guía un álbum sonoramente rico e agradábel, sen pecar o máis mínimo de edulcoramento pero si dun gusto excelente polos detalles. Desde a delicada “Ángel” á máis saturada e ruidosa de “Saeta” encontramos rhythm and blues, rock and roll, a balada “El bosque”, swing, o soul repousado de “Magia negra” …

Porén, ese colchón sonoro ben aquelado e confortábel contrasta cuns textos que de seren cómodos non serían do Josele que coñecemos. Cantando aquí ao seu mellor nivel, reafirma ese binomio popular-culto para amosarse sarcástico, críptico, pesimista, e en moitos momentos na súa vertente máis dura; con rabia, metendo o dedo na ferida, coas súas dúbidas existenciais e relixiosas. Poderiamos citar ducias de versos pero mellor que cadaquén escolla os seus no álbum máis recomendábel para (re)iniciarse no artista. Nesta ducia de cancións non faltan a súa voz particular e a cadencia ao cantar uns textos que esixen e agradecen varias escoitas, dos que deixan pouso de reflexión … e desta vez gozámolo nun envoltorio sonoro novidoso na súa traxectoria.

Xa desde a visión dun seguidor, o mellor é que canto máis escoitas o disco, máis cancións aprecias e sumas a favoritas: ademais das mencionadas, “Prestao”, “No se equivoca el mal” e o seu final alongado, a circense “Cómo reír”, “Déjame sufrir”, “Ovni viejo”, “Que hable el sol” … Por se quedaba dúbida, esta colección de cancións incide nos méritos de Josele para situarse nese grupo de grandes escritores intérpretes xunto a Lapido, Kiko Veneno, Juan Perro, Jorge Drexler …

Pepe Cunha, 20-marzo-2018

AXENDA

Facebook

15 hours ago

Ábrete de orellas
Isto si é un premio, recibir traballos na redacción orelluda. Chegou o novo de O SONORO MAXÍN , que o vindeiro domingo están na A Arca da Noe con TIAM GzAi, ese ritmo e esas letras do Ico desde Ourense."A primavera ten que ser nosa", di que si. ... See MoreSee Less
Ver en Facebook