José Mercé

Xaneiro 18, 2014

nota:

CICLO SONS FERROL. TEATRO JOFRE
PREZO: 18 euros anticipada, 20 euros no día.
ENTRADAS: Despacho de billetes do Jofre, servinova.com

O 2014 comeza coa presentación dunha nova edición do Ciclo Sons Ferrol, que volverá levar ao escenario do Teatro Jofre a artistas recoñecidos pola súa calidade. O encargado de inaugurar a programación deste ano é José Mercé. O cantaor de flamenco ofrecerá un directo exclusivo o vindeiro sábado 18 de xaneiro. Nel presentará o seu último disco “Mi única llave”.

As entradas para asistir ao concerto saíron xa á venda, por un prezo de 18 euros anticipadas e de 20 euros no día do concerto. Pódense adquirir no despacho de billetes do Teatro Jofre e no portal servinova.com.

José Mercé “Mi única llave”
“Mi única llave” é segundo José Mercé (Jerez de la Frontera, 1955) un disco serio, sobrio e profundo, nacido do flamenco, pero criado no século vinteún. Un traballo que conta cunha enorme riqueza musical, cun carácter marcado pola voz de Mercé e a guitarra, que cae nas mans dalgúns dos mellores do xénero, como Diego del Morao, Pepe Habichuela, Tomatito e Manuel Parrilla.

Producido por Javier Limón, o álbum sostense con arranxos parcos, pero co eclecticismo musical que favorecen colaboracións como a de Eric Truffaz (trompeta), Alain Mallet (piano) e Layth Al-Rubaye (violín).

Unha bulería composta por Alejandro Sanz, fandangos, poesía de Miguel Hernández, tangos flamencos, jazz e outras expresións artísticas variadas forman o disco máis xitano e máis contemporáneo de José Mercé. Nominado ao Grammy Latino 2013 como mellor disco de flamenco, “Mi única llave” situouse despois do seu lanzamento no outono do ano pasado, como un éxito de vendas e de crítica.

Trátase do traballo número 17 desde que José Mercé publicou en 1968 “Cultura jonda 14. Bandera de Andalucía”. Anos despois chegaron traballos relevantes como “Verde junco” (1983), “Caminos reales del cante” (1987), “Hondas raíces” (1991) e “Desnudando el alma” (1994). En 1998 saltou á popularidade coa publicación de “Del amanecer”. 15 anos despois, aválano máis de 600.000 discos vendidos e un intenso labor de popularización do flamenco, sen mermar a súa esencia nin a súa profundidade.

Artista clave da música española, o cantaor rompeu fronteiras e levou a súa música a unha audiencia non só flamenca. Con “Aire” (2000) acadou o dobre pratino e despois seguíronlle “Lío” (2002) “Confí de fuá” (2004), “Lo que no se da” (2006), “Grandes éxitos” (2007) e “Ruído” (2010).

Conseguiu achegarse a un público máis novo e amante do pop e chegou a versionar outros artistas dos máis diversos xéneros, como Manu Chao, Luis Eduardo Aute, Víctor Jara, Louis Amstrong, Pablo Milanés ou Joan Manuel Serrat. Mercé recibe en febreiro de 2010 a Medalla de Andalucía.

Unha extensa traxectoria que se verá reflictida no concerto de presentación de “Mi única llave”, o 18 de xaneiro no Teatro Jofre de Ferrol.

AXENDA

Facebook

8 hours ago

Ábrete de orellas
TANXUGUEIRAS e Fillas De Cassandra unidas en "Quen é a que canta?" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook
20:30 h.
Teatro Jofre, Ferrol.
18 / 20 €