José James abraia no Jazz in Blue Festival, 5-maio-2013

Maio 07, 2013

Sen dúbida un dos tópicos máis celebrados é aquel de que cando os músicos o pasan ben no escenario a sensación é transmitida ao público. Iso foi probablemente o que compartimos quen nos decantamos polo concerto de José James no Teatro Rosalía de Castro. E digo decantamos porque, desgracidamente, o peche do festival Jazz in Blue “competía” esa noite de domingo con outro interesante concerto de jazz no club Filloa da mesma cidade: Avishai Cohen. Se cadra por esta razón, José James e a súa banda quedarán na memoria só duns centos de persoas que puideron constatar que estamos ante un vocalista excepcional.

Habitualmente sinalado coma un vocalista de jazz xurdido da xeración do hip-hop, o estadounidense de pai panameño e músico José James é moito máis ca iso. Combina jazz, soul, pop, drum”n”bass e spoken word emborraxando as fronteiras entre xéneros e creando un selo de seu. Chamou a nosa atención no 2008 co seu debut “The Dreamer”, unha aberta mestura de jazz, electrónica, soul e pop. Desde entón, cada disco que edita ou colaboración que fai mantén un nivel de personalidade á altura de poucos artistas. O pasado ano asinou nada menos que co selo Blue Note Records para editar este seu cuarto álbum “No Beginning, No End” que repasou na Coruña.

Desde o comezo notamos a conexión e cohesión que o vocalista ten cos catro novos (tamén) pero impresionantes músicos que o acompañan. Se cadra, o feito de que fosen partícipes da gravación do álbum vén xustificar boa parte do tópico ao que aludín ao principio pola complicidade conseguida. Probablemente a outra parte fose o contexto de actuaren nun recinto fermoso e de boa acústica como o Teatro Rosalía. Polo menos, os xestos e comentarios de James ían nesta liña.

Sen sopresas, abriru a banda (piano, baixo, trompeta e batería) cunha peza instrumental tras a cal entrou James para repasaren principalmente o último álbum: “It”s All Over Your Body”, a viaxe a Marrocos con “Sword and Gun” e as palmas de toda a banda, “Trouble”, “Vanguard”, a máis pop e breve “Come To My Door”, “Do You Feel” … As diferentes combinacións de instrumentos ían alternándose nas interpretacións alongadas e repartindo solos na medida xusta ao máis puro estilo jazz. Deste xeito, os músicos brillaban unha vez si e outra tamén, mentres James ía abraiándonos cos seus cambios de rexistro, coa duzura dunha voz que con “flow” viaxaba por diferentes tesituras e estilos acompañada asemade dos seus sinuosos movementos.

Non faltaron as versións ou fragmentos de pezas de Bill Withers (“Ain”t No Sunshine” e “Grandma”s Hands”), unha “Simply Beautiful” de Al Green recreada guitarra acústica en man, cun fermoso solo do teclado e acertadamente situada entre as sensuais “Come To My Door” (que fermosos os coros do baixista!) e “Do You Feel”, que incluiu chisco ao “Georgia on my Mind” de Ray Charles. Ademais dos citados clásicos, outros nomes como Gil Scott-Heron ou Terry Callier tamén se achegaban á nosa mente mentres escoitabamos a James.

Por se case hora e media fose pouca demostración da súa calidade e personalidade interpretativa, James non deixou pasar a oportunidade de marcarse un indescriptible “scratching” vocal de case 10 minutos chimpando e empastando por diferentes da peza de Nirvana “Lithium” e o seu “Park Bench People”. Sen dúbida, a personaxe musical de José James non semella ter límites estilísticos e os seus concertos chegan moito máis aló que un encorsetamento de jazz. Se é que entendemos o jazz coma unha etiqueta restrictiva, claro. Non perdan a oportunidade de achegarse a el.

Pepe Cunha, 7-maio-2013

AXENDA

Facebook