José James

Xullo 27, 2019

nota:

Esta será a segunda ocasión na que este fantástico vocalista e compositor recale en Pontevedra, pois no ano 2011 xa formou parte do cartel do Festival, deixando unha fonda pegada entre o público que acudiu a aquel concerto.

Nado e criado en Minneapolis, José James creceu escoitando a Prince (oriúndo desta mesma cidade), pero tamén estilos tan dispares como o hip-hop ou o modern jazz. Pronto descubriu a súa paixón por esta música e deu renda solta á súa creatividade como compositor. Así empezou a ofrecer concertos por toda a cidade, cantando tanto standards de jazz como composicións orixinais súas, e facendo versións de traballos de John Coltrane co seu cuarteto.

Converteuse deste xeito nun membro dunha innovadora vangarda que combinaba nas súas actuacións o jazz e a poesía (spoken word), e que deu en chamarse Ancestor Energy. A partir dese momento, José estivo determinado a dedicar a súa vida á música, á comunidade e á unión espiritual, segundo el mesmo relata sempre que pode.

Completou a súa formación musical en The New School for Jazz and Contemporary Music de Nova York, e tivo como mentores nesta academia ao lendario batería Chico Hamilton e ao pianista Junior Mance.

O seu álbum de debut foi lanzado en 2008 baixo o título The Dreamer. Concibido baixo moi diversas influencias, o disco foi un éxito para a crítica internacional, o que o levou a actuar en eventos como o North Sea Jazz Festival ou o Billboard Live Tokyo, e en lugares tan emblemáticos como o Museo Ermitage de San Petersburgo ou o Central Park neoiorquino. O seu seguinte disco Blackmagic (2010) foi producido por Flying Lotus, Moodyman, Taylor McFerrin, e DJ Mitsu the Beats. Este traballo levou o directo da banda de James a un novo territorio, e incluía unha versión soul/hip hop do clásico do R&B “Save your Love for Me ”. A xira de presentación incluíu trinta países, con festivais como os de Montreal, Ancienne Belgique, Melkweg e ata unha actuación no mesmísimo Lincoln Center.

O terceiro álbum de estudio de José James titulouse For all we Know e editouse no selo Impulse!, baixo o que xa gravara a maioría dos seus traballos John Coltrane. Este disco gravouse ao longo dun só día nos Galaxy Studios de Bélxica e é un álbum de standards de jazz a dúo co pianista belga Jef Neve. Profundo e atemporal, foi galardoado co Edison Award e o L”Academie du Jazz Grand Prix, en ambos casos como mellor disco de jazz vocal do ano 2010.

A colaboración entre James e Neve continuou cun ambicioso proxecto de música en directo que deron en chamar Facing East: The Music of John Coltrane. Fixo o seu debut mundial no Ancienne Belgique de Bruxelas e tivo continuidade no North Sea Jazz Festival e no Nice Jazz Festival.

En 2013 lanzou No Beginning No End, ao que seguiu en 2014 While you were Sleeping, un disco no que reflectía as súas influencias máis contemporáneas (Nirvana, Radiohead, James Blake), mesturando rythm&blues, rock e jazz.

No ano 2015, James fixo a súa particular homenaxe a Billie Holiday, a quen considera a súa “nai musical”, co disco titulado I had the Blues. En 2017 publicou Love in a Time of Madness, unha demostración de por que a súa voz é nestes momentos probablemente a máis aclamada do rythm&blues contemporáneo.

O seu último traballo ata o momento éLean on Me, publicado en 2018 como homenaxe ás composicións de Bill Withers, o autor de cancións tan coñecidas e deliciosas como “Ain”t no Sunshine”, “Lovely Day”, “Use Me”, e, por suposto “Lean on Me”.

Como artista invitado, José James colaborou en gravacións doutros músicos como Junior Mance, Chico Hamilton, Nicola Conte, Bassment Jaxx, Jazzanova, Toshio Matsuura, J.A.M., DJ Mitsu the Beats, Timo Lassy, Taylor McFerrin e Flying Lotus, entre outros.

Acompañou en directo a Wynton Marsalis, actuou coa Orquestra de Jazz do Lincoln Center, e tamén interveu en xiras internacionais acompañando ao lendario pianista McCoy Tyner na homenaxe que este fixo á música de John Coltrane e Johnny Hartman.

FORMACIÓN:
Jose James: voz, guitarra
Marcus Machado: guitarra
Aneesa Almusawwir: bajo, voz
Aaron Steele: batería

AXENDA

Facebook

2 hours ago

Ábrete de orellas
este sábado en Pontevedra⏱️ tictac, tictac...Volta o Galegote! A duodécima edición está a piques de ter lugar e a música en galego volta ós bares da cidade. Unha nova edición, esta vez máis internacional, que incorpora bandas portuguesas ó cartel. Anotade a data e vémonos nos bares! 🎶🍻🔀 Lembrade que o Galegote é un proxecto de música en directo que ten a finalidade de dar a coñecer a intérpretes e grupos de música en galego e que está promovido polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. Concello de Pontevedra#Galegote #galegoterock #galegoterock24 #concellodepontevedra #pontevedrate #servizonormalizaciónlingüística #festival #galego #boamusica #boambiente #musicaengalego ... See MoreSee Less
Ver en Facebook
22:30 h.
Praza da Ferraría, Pontevedra.
De balde.