Tras “Ladridos del perro mágico”, o mini-álbum “Luz de ciudades en llamas” e o segundo longa duración “Música celestial”, chegan estas doce novas cancións do ex guitarrista e compositor da gran banda granadina 091. Nuns tempos complicados(?) para as grandes discográficas e tras a desaparición de BigBang, súmase á corrente da autoedición co seu propio selo: Pentatonia records. Nesta ocasión, a súa base clásica de rock envolve uns textos menos densos pero que non renuncian ás imaxes poéticas marca da casa. Os estribillos saen reforzados nos temas con máis velocidade “No digas que no te avisé”, “Bellas mentiras” “Más difícil todavía”, “Agridulce”, o sinxelo “La antesala del dolor”, nunha das súas escasas cancións de amor(“Por sus heridas”) e as fermosamente existenciais “Cuando la noche golpea el corazón” e “Con la lluvia del atardecer”, e nos medios tempos coma “De espaldas a la realidad”. O álbum mantén un excelente nivel xeral e soa a banda compacta (de feito no libreto aparecen fotografías dos seus acompañantes). Non é que enganche máis a cada escoita, senón que un mínmo de atención chega a provocar adicción. Para neófitos ou incondicionais: “Mientras Saturno devora a sus hijos/ Lapido escribe otra canción/ que habla de flores y alambre de espino/ de olvidos y de superstición./ De otro tiempo y otro lugar.”
PEPE CUNHA (6/11/05)