Atardecer no Gaiás despídese por todo o alto coa presenza na praza exterior de Jonquil, a banda con sede en Oxford liderada por Hugo Manuel, –coñecido polo seu proxecto en solitario Chad Valley-. Non te perdas na Cidade da Cultura o arranque da xira por España para presentar o seu novo disco Point of Go, con temas que entroncan co indie-pop angloxasón máis actual, e que os levarán a finais de mes por destacadas salas de Madrid e Barcelona.
Tras irrumpir no panorama británico no 2006 cun son electrónico que se misturaba con ecos folkies, Jonquil regresa este mes de setembro aos escenarios cun traballo que se achega a un pop de corte clásico, cos seus admirados The Smiths como oráculo e múltiples referencias aos sons coetános do indie pop anglosaxón máis fresco, desde Vampire Weekend ata Fleet Foxes.
Antes de que Jonquil salte ao escenario da praza da Cidade da Cultura, Galis 115 amenizará a primeira parte desta festa de despedida creando ambientes non só musicais senón sensoriais. A súa prioridade: buscar o benestar da xente que o escoita, crear ambientes musicais que creen a súa vez momentos únicos.
Galis 115 conxuga ritmos que van dende o down tempo e o triphop ata o hiphop instrumental ou a electrónica experimental, aínda que calquera efecto sonoro é benvido para poder ampliar as sensacións e conformar unha historia.
Por iso, non te sorprendas se cres recoñecer discursos históricos famosos ou bandas sonoras inconfundibles nunha mistura na que poderían pasar desapercibidas.