Joel Padín “Aughas mortas”

Maio 21, 2021

“Unha magnífica voz, ben modulada, suave e delicada… Dálle sentimento ao que canta e domina varios instrumentos de percusión”, así fala do noso protagonista o seu “padriño” musical, o gaiteiro Carlos Rey. No mesmo caderno que acompaña o disco, Xurxo Souto di que este “volve a situar a Vilagarcía no centro da msica galega”. Abro así esta recensión para focalizar a atención no talento, a calidade do produto e o feito dun concello apostar polo talento local. Que un rapaz de quince anos publique un debut tan digno é unha noticia fermosa para a música tradicional galega. Dito isto, xa podo mencionar que gañou en 2018 o concurso infantil da TVG, “Pequeños fenómenos”.

Tras pedir que o anecdótico ou mediático non distraia a nosa atención do importante, falemos do disco en si, cuxo repertorio son trece cancións que Carlos Rey recolleu polo país nos anos 80 e que son interpretadas con respecto e ese chisco de frescura propia da idade de Padín. Ao longo delas, Joel amósase pandereteiro, cantante, gaiteiro e de seguro que tamén bailador en pezas como “Cherindaina”. Comeza con pezas máis espidas, a voz e percusión, e retoma ese formato en “Añas de Riofrío”, “O carrapeto” ou a “Xota de Vilarello”. Na metade máis instrumentada do disco conta co acompañamiento preciso e precioso dos músicos Manuel Dopico (guitarra), Álvaro Cardalda (acordeón) e Santi Fontes (clarinete). No medio xusto, a xota “A Tafona” -instrumental con gaita e clarinete- complementa a variedade estilística na que Joel se move con soltura.

Gravado nos estudios A Lagharteira, da Lama, “Aughas mortas” é “música galega da de sempre, con algúns toques actuais”, retomando ás verbas de Rey. Neste traballo asombra a madurez e a elegancia e aparca polo momento experimentos ou devezos por modernidade ou anovación. Xa haberá tempo de probar outras fórmulas, cantar composicións propias, con temáticas máis da súa idade, ou o que se propoña, porque voz e formación non lle faltan e semella ter as cousas claras ou ben aconselladas.

Pepe Cunha, 22-maio-2021

AXENDA

Facebook