A prensa musical estrémase e marca distancias excesivas, a cotío insalvables, co gran público. Este queda abandonado porque ninguén lle explica o valor, ou a falta del, na música que máis aparece nos medios. ¿Quen fala, cunha crítica elaborada, de Juan Perro, M-Clan, Sidonie, Ariel Rot, Extremoduro, Fito y Fitipaldis … por citarmos só rock español? Quen ofrece de cando en vez esa repousada ollada atrás que nos prepararía para relativizarmos tanta proposta que nos presentan como novidade? Con demasiada frecuencia, quen gosta do rock máis “clásico” queda nel e quen gosta do indie procura só a “última sensación”. Así eríxense unhas barreiras ficticias, agochadoras e empobrecedoras para @ ouvinte.
Desde os setenta, en prensa xeneralista ou especializada, en televisión ou en radio (Tiempo, Disco Express, Vibraciones, Radio3, PopGrama, FM2, Efe Eme, El País, Babelia, Rolling Stone …), Diego A. Manrique é o nome imprescindible do periodismo musical en España. Malia a reputación da súa traxectoria, non ten moita obra publicada, polo que é motivo de celebración que apareza esta escolma de escritos publicados por encarga nos últimos anos, principalmente para El País, Babelia ou Rolling Stone.
Sempre baseándose na súa erudición, nun saber enciclopédico, abafante pero que presenta dosificado e cun chisco de ironía, Manrique non escatima en apreciacións persoais, pero consegue entreter e non resultar fachendoso. Nesta publicación toma o título daquela canción dos Doors que pechaba maxistralmente o álbum “L.A.Woman” e presenta nalgo máis de trescentas páxinas un cóctel case sempre ben equilibrado de erudición, información, opinión e entrevista. Aos seus 63 anos non ten problema en amosar filias e fobias para espertar interese, relativizar ou desmitificar esterotipos ou conceptos a priori. Así, procura un posicionamento entre o fan e o crítico máis feroz para repasar o mundiño da música popular do noso tempo: egos enormes, artistas únicos, estratexias maquiavélicas, tendencias e modas, invencións, estratexias de mercadotecnia, detalles da industria, éxitos, fracasos, anécdotas, revelacións, comentarios en entrevistas …
Aínda que a primeira vista semellen ese tipo de historias para melómanos afeccionados ao rock en xeral, “Jinetes en la tormenta” é un libro ben recomendable para un público máis amplo, cunha lectura sinxela e un achegamento ao carácter máis humano dos artistas. Manrique non fala para un público erudito, non ten problema en tratar nomes máis recoñecibles, “mainstream” ou incluso supervendas. Polo xeral, os medios pecan de non tratar, nin para lles dar duro, os artistas vendedores, eses que deixan de ser “cool” por superar un público minoritario ou supostamente entendido. Polo contrario, quen leva moitos anos escoitando música, seguindo pistas e seleccionando, á hora de comunicar cae menos en conservar prexuízos ou manter poses. Talvez agora isto estea menos valorado e por iso as modas veñan marcadas por Pitchfork, New Musical Express, Rockdelux ou Jenesaispop, cabeceiras máis dictadoras que formadoras. “La puta realidad es que la gente escucha otras músicas y, sin embargo, los medios se consagran a músicas minoritarias y no tienen a nadie que esté patrullando el territorio del mainstream”, di Manrique nalgunha entrevista.
En “Jinetes en la tormenta” lémoslle sobre a morte de Michael Jackson ou Amy Winehouse, o renacer de The Police, a reedición do “Exile On Main Street” dos Rolling Stones, e obituarios ou efemérides interesantes e conmovedoras. Aparecen agrupadas en blocos como o titulado “Venimos de África”, con artigos relativos a soul, jazz, blues, funk e pop: James Brown, Wilson Pickett, Michael Jackson, Billiie Holiday… No apartado de “losers” ou “malditos” temos a John Cale, Syd Barrett, Patti Smith, Nick Lowe, Ry Cooder, Jerry Lee Lewis, Amy Winehouse, Tom Waits, Yoko Ono ou Phil Spector. Entre “Los Colosos”, John Fogerty, The Doors, Prince, Who, Springsteen, U2, Bob Dylan, The Police, The Clash, Elvis Presley, Led Zeppelin, Lou Reed, Beatles, Stones, Neil Young, Grateful Dead, Coldplay ou David Bowie.
Tratándose de Manrique non falta unha sección latina con Ray Barretto, Cachao, a bossa nova ou Andrés Calamaro; nin un “Los mejores años de nuestra vida” con iconas españolas como Serrat, Sabina, Kiko Veneno, Enrique Sierra, Bebe, Carlos Berlanga, Antonio Vega, Los Secretos ou a histórica sala madrileña El Sol. Iso si, non procuredes aquí as bandas españolas cantando en inglés. Finalmente, “La sacristía, anécdotas y curiosidades” recupera textos tan interesantes como o merecido tratamento de “Los discos prohibidos del franquismo” sobre o recente libro do noso compañeiro Xavier Valiño “Veneno En Dosis Camufladas (Editorial Milenio)”, “Espiando a los Beatles, “La verdadera Eleanor Rigby” ou “Por qué nos fascinan las vidas de los canallas”. Ben salientables son historias intrigantes como a da portada do “Sgt. Pepper´s Loney Hearts Club Band” dos Beatles.
Manrique, e falo por experiencia propia, esperta a túa curiosidade. apréndeche a tirar do fío, a cuestionar, a deixar prexuízos e poses a un lado. Xa que logo, servidor non pode deixar de recomendar a súa lectura mentres devece por unha nova referencia, con maior achegamento a outras músicas aparte do rock e a música negra. Por certo, tampouco estaría mal que aparecese publicada cunha capa máis lograda e acompañada de fotos.
Pepe Cunha, 9-xullo-2013