Jeff Hershey and The Heartbeats na Sala Moon, 24-maio-2013

Maio 28, 2013

Do mesmo xeito que a intensidade dos tremores de terra se mide pola escala Richter, para os concertos de sala poderiamos empregar unha escala Hershey. Estes californianos do sul poden presumir dun dos directos máis incendiarios que teñamos visto por estes lares. Hai menos dun ano participaran no Outono Rock Festival na Capitol, pero agora volveron a unha sala compostelá máis pequena para seren os únicos protagonistas e non deixar ningunha bala na recámara. Xa na primeira canción, Hershey baixaba bailar e cantar entre un público que tiña que se apresurar para acadar unha temperatura semellante á da lava que agromaba do escenario.

Seguen a repasar practicamente enteiro o seu debut de 2011 “Soul Music Vol. 1” e para reflectir que tamén son auténticas féras adiantaron as pezas que conterá o seu EP de versións de bandas punk “Underground Classics”. Si, eles terán corazón soul, e gostan da vertente clásica, primixenia do estilo, pero preséntano envolto en punk e rock a base de forza e entrega abafantes. As mulleres na sección rítmica percuten con forza e tensión, Hershey non baixa o nivel altísimo na voz e o movemento e os guitarra e saxo rematan a faena con solos que avivan o incendio.

A interacción co público é constante de principio a fin, sexan baladas ou incitacións ao baile, e máis aínda ao tiraren dalgunha versión de clásicos predecibles como “Gimme Some Lovin””, “Shout”, “Misirlou”, “Don”t Ha Ha” ou sorprendentes como o “I”m On Fire” de Springsteen. Se unha banda se pode entregar máis en pouco máis dunha hora, preséntennola porque o dubidamos moito. Dá igual que a sala non sexa a mellor e o volumen chegue a atronar. Con esta banda, a complicidade, o baile e a suor agochan calquera exquisitez técnica.

Pepe Cunha, 28-maio-2013

AXENDA