Jazz de Ría: Marcos Teira & Ton Risco + Pablo Sanmamed Trío

Agosto 14, 2020

🎟 Reserva de entradas (gratuítas) a partir do luns 10 ás 12h en http://reservas.gal/

Marcos Teira e Ton Risco abren a 4ª edición do festival Jazz de Ría en Ferrol

o Cantón de Molíns de Ferrol acollerá as tres noites de jazz programadas nesta 4ª edición do festival. Nun ano complexo para a música ao vivo, o Jazz de Ría sobrevive fiel ao seu compromiso coa escena jazzística do noso país; apoiando a cultura propia e evitando calquera risco derivado de desprazamentos. Cumprir con todas as medidas de seguridade e garantir unha boa experiencia ao público son as prioridades da organización.

A fusión do vibráfono e a guitarra van sorprender mañá a todas as persoas que se acheguen á primeira noite de concertos do festival. A inesperada proposta do guitarrista MARCOS TEIRA e o vibrafonista TON RISCO será a encargada de abrir a 4ª edición do Jazz de Ría cunha proposta musical infrecuente no mellor dos sentidos da palabra. A Galiza non é terra de flamenco, pero tampouco é lugar onde abunden os vibrafonistas de jazz. Quizáis é por iso que estes dous músicos se buscasen para vivir un affair musical no que cordas e láminas conforman unha mini orquestra dirixida por uñas e baquetas. Dous instrumentos de forte carácter percusivo e timbres diferentes que se atopan nun novo entendimento. Dúas persoalidades musicais con experiencias diversas, pero con puntos en común que, sen outra intención que a de disfrutar un do outro, xuntan na música deste dúo unha colección de temas que abrangue standards de jazz, música sudamericana, flamenco ou temas de composición propia.

A noite continuará con máis fusión: PABLO SANMAMED TRÍO presentan unha proposta na que o jazz e a world music vanse dar a man con temas do esperado disco debut da banda “16/04”, cheo de melodías das que fican na cabeza e que van crear unha atmosfera especial na que se suceden valsas afrancesadas, horos romaneses e sabores varios das músicas de transmisión oral nun proceso de deconstrución musical desde a linguaxe do jazz. O contrabaixista Pablo Sanmamed, cunha amplísima traxectoria profesional, acompáñase para este trío de Iago Mourinho (piano) e Bruno Couceiro (batería).

O cartel desta edición concéntrase nas mellores propostas de jazz do noso territorio, para evitar os riscos que poden conlevar os desprazamentos e para continuar apoiando a enorme calidade da escena jazz galega, un compromiso que o festival adquiriu dende a súa primeira edición. Dende o Concello de Ferrol recalcan que todos os concertos serán abertos, gratuítos e seguros. Para garantir mellor o control de accesos e a seguridade das persoas asistentes será preciso reservar entrada a través da plataforma reservas.gal.

AXENDA

21:00 h.
Cantón de Molíns, Ferrol.
De balde con reserva..