Tiña que ser na súa cidade e no fermoso Teatro Rosalía de Castro onde Jane Joyd puxesen un final acorde co intenso ano que acaban de vivir.
A repercusión deste proxecto protagonizado por Elba Fernández e apoiado no batería Xulio Vázquez comezou en 2010 cunha primeira gravación de 4 temas que os levou a gañar o Proyecto Demo do Festival Independiente de Benicassim e Radio 3. A partir de aí, os concertos por Galiza estendéronse ao resto da Península e asinaron co selo madrileño Origami Records, onde editaron neste 2012 un EP de catro cancións.
A repercusión no negocio musical depende decote non só da calidade da proposta, senón tamén da moda e a tendencia do momento. No caso de Jane Joyd, semella que chegaron no momento xusto, coincidindo co auxe dun folk alternativo americano, acústico e intimista, e tamén con máis mulleres “protagonistas” (Russian Red, Alondra Bentley, Ann B. Sweet, Boat Beam…). Porén, tiveron claro que querían diferenciarse e teimaron en editar canto antes un ambicioso primeiro traballo oficial. Así saiu á rúa este EP “Shy Little Jane presents: The Dramatic Tale of Her Animals” no que apostan claramente polos arranxos de corda ou os ventos para acompañar os rexistros de voz e silencios nas composicións de Elba.
Desafortunadamente, non son bos tempos para mover unha banda de sete músicos e a meirande parte dos concertos foron nun formato dúo ou trío que, aínda que defendidos con solvencia, non acadan as cotas da gravación. Por iso, a cita no Rosalía era case obrigada para quen queriamos escoitar Jane Joyd tamén nun formato grande. Ao xogar na casa, o teatro coruñés non puido senón acoller unha boa entrada para escoitar a Elba Fernández acompañada de Xulio Vázquez na batería, Fernando González na trompeta, o violonchelo de Rosalía Vázquez, Iago Mouriño ás teclas, Ric Morente ao violín e Julián Rodríguez no baixo.
Desde que abriron con “The Cage” até o peche con “The Nightmare”, foron regalando con elegante posta en escena e diferentes formatos as pezas restantes da maqueta presentación e deste EP cuxa tirada hai uns meses que esgotaron. Non faltaron atinadas versións de referentes como Bon Iver, unha “The Wolves” a xogo cos animais protagonistas do seu EP, e a PJ Harvey máis espida, a do “4-Track Demo”, en “Hardly Wait”. Coma cumpría, Elba interpretou, desta vez soa, unha das cancións do disco que se está a cocer.
Axudados polo bo son do teatro e unha iluminación ben acaída á proposta musical, Jane Joyd ofreceron máis dunha hora na que sentimos melancolía, tensión, intimismo, tormenta, calma, dozura, rabia, sombras. Ademais da xa recoñecida voz de Elba, brillaron o detallismo e a elegancia sinxela, cuns coros comedidos, bo gusto nos acompañamentos de cordas, o corpo que crea o teclado, a percusión ora tenue ora contundente… En definitiva, a versión completa de Jane Joyd convenceu e sentou unhas bases sólidas para o futuro inmediato. O primeiro álbum completo estase a rematar nos estudios Abrigueiro e verá a luz no ano que xa chega. Aquí o agardamos.
Pepe Cunha, 1-dec-2012