Jane Birkin engaiola interpretando Gainsbourg no ciclo Voces, Pazo da Cultura de Pontevedra, 27-out-2018

Outubro 28, 2018

“Birkin / Gainsbourg: Le Symphonique” (2017) supuxo o regreso ao estudio de gravación da actriz e cantante británica Jane Birkin, nome vencellado desde finais dos 60 co da seu ex-parella sentimental e artística Serge Gainsbourg. Deste imprescindíbel da música francesa xa recreara algunhas composicións no encantador disco de orquestración árabe ao vivo “Arabesque” (2002). Desta vez, a motivación para unha nova visita ao legado de Gainsbourg veu propiciada polos arranxos orquestrais de Nobuyuki Nakajima. A boa acollida internacional deste tratamento de orquestra sinfónica puidemos corroborala no Pazo da Cultura de Pontevedra.

A piques de cumprir os 72 anos e coa súa característica voz fráxil en forma, actuou acompañada do propio Nakajima e da Orquestra Filharmónica da Cidade de Pontevedra, dirixida polo director Javier Viceiro-Filgueira. Na cara da protagonista principal apreciabamos dese as primeiras pezas que estaba a gusto co traballo da orquestra, que había boa química. Sinxela e con actitude humilde, non tardou en agradecer o momento con palabras e sorrisos xenerosos para todas as persoas congregadas: intérpretes, audiencia e equipo técnicos. “Serge tamén estaría emocionado se escoitase este concerto”.

A orquestra soou magnífica na interpretación deses arranxos arredados da grandilocuencia para vestir coa elegancia xusta o gran legado de composicións pop de Gainsbourg. Tras uns anos duros a nivel persoal, Jane Birkin semella estar gozando deste proxecto que comparte con orquestras de diferentes partes do mundo. Así o fixo en Pontevedra, onde triunfou regalándonos este repertorio estupendo :

“Ces petits riens”, “Lost Song”, “Dépression au-dessus du jardin”, “Baby Alone in Babylone”, “Physique et sans issue”,“Ballade de Johnny Jane”, “L”aquoiboniste”, “Valse de Melody”, “Fuir Le bonheur qu”il ne se sauve”, “Requiem pour un con”, “Une chose entre autres”, “Amours des feintes”, “Exercice en forme de z”, “Manon”, “La Chanson de Prévert”, “Les dessous chics”, “L”Amour de moi”, “Pull marine”, “La Gadoue”, “Jane B.”, “L”anamour” e xa nos bises un “medley” instrumental con pezas como “Je t”ime… moi non plus”, “Ballade de Melody Nelson” … e a guinda final de “La Javanaise”.

Pepe Cunha, 28-outubro-2018

AXENDA

Facebook