J. Teixi Band “Showtime”

Marzo 17, 2020

Coincidindo coa súa última visita a Galiza, hai uns meses comentabamos os últimos lanzamentos discográficos que tiñan que ver coas bandas de Javier Teixidor: a primixenia Mermelada e a herdeira J. Teixi Band. Falabamos dunha das mellores bandas de soul, rock, blues e r&b en castelán e con pracer volvemos repetilo agora que Warner reedita “Showtime” (2000). Trátase dun álbum gravado en vivo no Chesterfield Café de Madrid e que reaparece remasterizado en vinilo (as 11 cancións xa coñecidas) e co agasallo dun CD que engade dous temas máis do concerto e dúas bólas extra.

Cando gravaron este concerto, a banda que xuntaba membros de Los Elegantes e Mermelada confirmaba a boa sona destas en directo e estaban a se marcar un dos mellores discos non só propios senón do estado neste formato. Acompañado por unha potente sección de ventos (saxos, trompetas, trombón), entregaron un concerto compacto, duro pero que non perdía nin frescura nin a calidez das distancias curtas. Ademais contaron con colaboracións de amigos: Álvaro Urquijo, Javier Andreu, Juanma del Olmo, Carlos Segarra e Ñako Goñi, sempre impresionante á harmónica.

Pois se xa temos unha banda en forma e con reforzos, ollemos o repertorio: clásicos da banda (“Atrapado”, “Eres la lluvia”, “Necesitas algo”, “Nacional VI”, “Calles quemadas” ou “Sentado en la esquina”) e versións de referentes como “Going To A Go-Go” (Smokey Robinson & Miracles), “Sólo puedo” (Otis Rush), “¿De qué vas?” (Fabulous Thunderbirds) e esa “Gloria” de Van Morrison para rematar o concerto en comuñón co público. Se “Showtime” xa o tiña todo e xustificaba o título, agora regresa con mellor son e agasallos como “Algún día sé”, “Algo de amor”, “Nacional VI” e unha versión de “Por un amor” de Siniestro Total.

Pepe Cunha, 17-marzo-2020

AXENDA

Facebook