Coincidido co cambio de século, o guitarrista e cantante Javier Teixidor presentaba esta banda herdeira das lendarias Los Elegantes e Mermelada. Dende o principio asentaban unhas influencias claras de soul, R&B, blues e rock con letras en castelán en dous álbums: un de estudio -“Atrapado” (1999) – e un directo co que confirmar a reputación ao vivo daquelas bandas: “Showtime (2000)”. A reedición deste en 2020 e o dobre CD recompilatorio “Letra y música” (2018) eran o último editado pola formación e, aínda que o repaso contiña cinco temas novos, non é até agora que recibimos un traballo de estudio como tal, con 14 cancións novas.
Porén, na edición en vinilo baixa a unha ducia con respecto do CD, onde atopamos ao final a notábel “El último trovador” e a vella “Grandes huesos negros” ao vivo. A portada e a nova sección de ventos (Nacho Muñoz á trompeta, Rafael Díaz ao saxo e Roberto Bazán ao trombón) apuntan a Nova Orleanse e varias cancións así o confirman: o instrumental inicial “Memphis Boulevard”, “Me llevo lo mejor” ou “Pártelo Damelo”. Non obstante, suman máis acertos tirando máis a o rock americano co blues “Ciego Sol”, “Porque no” … a uns Waits-Springsteen (“No tendrás valor”, “El último trovador”…), á Dylaniana “Sweet Marie” ou aos Stones e Burning, algo obvio coa versión do “Rip This Joint”. Da outra versión, tamén en castelán, escápaseme a orixinal: a balada soul “No es un sueño”. Para completar unha gravación impecábel suman achegan as colaboracións de Ricardo Santamaría á harmónica e o Elegante Juanma del Olmo ás guitarras.
Con esta colección de cancións e o cuarteto sólido habitual de Emilio Galiacho (órgano e piano), Dani Montemayor (baixo e acordeón) e Charly Hens (batería), a J Teixi Band non baixa do olimpo de soul e r&b en castelán. Apostan por entregar cancións nas que as letras son tan directas como a súa música; contan e apuntan o xusto e necesario, así que non procures aquí grandes elucubracións ou pretensións. O repertorio está enfocado a uns directos que enganchan e están cheos de enerxía, como confesa o propio Teixi: “El disco suena fácil, pero es muy difícil de hacer, buscábamos temas directos para incorporar a nuestro set list de directo”. Tamén di que é un dos mellores traballos, e non lle falta razón.
Pepe Cunha, 5-abril-2023
https://jteixiband.es
https://familyspreerecordings.bandcamp.com/album/fsr138-j-teixi-band-en-el-barrio-lp-y-o-cd?from=hp