j. teixi band “desde el tren”

Novembro 01, 2016

Falar a estas alturas (décimo primeiro disco!) da banda herdeira de Mermelada e Los Elegantes pode sonar a simple tópico ou “muletilla”. Non obstante, é unha referencia asumida con gusto e naturalidade polo público e a banda, que en 2015 celebrou cunha xira a reedición remasterizada en vinilo de “Coge el tren”, o primeiro álbum de Mermelada.

Como xa é habitual, non achegan sorpresas, pero tampouco decepcionan nin un chisco. Xa que logo, as expectativas a cada novo traballo é encontrarse polo menos cunha puñada de cancións efectivas, que enganchen, sen grandes pretensións máis alá de estar ben facturadas. Desde o comezo brillante coa instrumental “Lincoln Avenue” que asina o teclista Emilio L. Galiacho, o disco mantén un traballo impecable do cuarteto principal e unha sección de ventos estupenda. Ademais desta, con Juan Muro (saxo), Antonio Pallarés (trombón) e Paco Ibáñez (trompeta), atopamos colaboracións puntuais á altura: Juanma del Olmo, outro Elegante, na guitarra do medio tempo que titula o álbum ou o solo de saxo de Javi “Hunka Hunka” nun claro exemplo dese soul-rock que dominan: “Estoy lejos”. Tamén hai rock clásico en “Buscando un amor”, toque country en “20 días” … e non faltan un par de boas versións, “Stand Back” de The Fabulous Thunderbirds e especialmente o “Seven Days” de Bob Dylan: ¿Qué vendéis?”. E coma agasallo final, dúas cancións rexistradas ao vivo nas salas madrileñas Honky Tonk i El Sol: “Estoy loco” e ‘”Quiero pronto”, coa harmónica de Ñaco Goñi),

Esta nova ducia de temas non fai máis que incidir na opinión de que a banda de Javier Teixidor é un nome imprescindible na escea soul-rock-rhthym and blues en castelán. Se auténtico é non tentar de vender ningunha moto e si cinguirse a facer cada vez mellor aquelo no que un cre, a J. Teixi Band é auténtica e unha aposta segura.

Pepe Cunha, 1-novembro-2016

AXENDA