j teixi band “big times”

Maio 12, 2011

Formada a partir de antigos componentes de Los Elegantes e Mermelada, a banda española de soul-blues-rock máis solvente presenta unha xenerosa compilación de 19 temas desta súa época con Warner (os álbumes “New crónicas”, “Voodoo Bar” e “Hazme una seña”). Porén, este “Big Times” non só conten gravacións xa coñecidas, senón que presenta como aliciente novas versións dalgunhas desas cancións e a presentación de 5 temas novos gravados a comezos deste ano. Deste xeito, ademais de funcionar coma un repaso á recente producción da banda -e mesmo do seu son ao vivo-, o álbum supón un punto de inflexión e un impulso desde o que coller azos para embarcar en novos proxectos. Entre as novas pezas, cómpre salientarmos o ben que funcionan “Calles de miel” (co seu chisco ao “Summer Lovin´” de “Grease”), “No trates de explicar” e “Es fácil ser” (versión de Doyle Bramhall e S.R.Vaughan). Quen gozamos dos seus discos e algún directo podemos dar fe de que a profesionalidade, composición e execución da J Teixi Band funciona man a man entre os directos e as gravacións. Son unha banda sólida, con moito oficio e que sobresae pola suma de detalles, sexan unha acaída sección de ventos, a guitarra de Javier Teixidor, a mestría de Emilio Galiacho coas teclas ou unhas cancións directas que soan ao bo coñecido. Para as plataformas dixitais, dous temas máis: “Pierdes el tiempo” e “Las seis de la mañana” (versión dos pioneiros Mermelada) En Spotify ; myspace.com/jteixiband

Pepe Cunha, 12-maio-2011

AXENDA