nota:
O grupo de pop-rock Izal ofrecerá un concerto o próximo 26 de setembro no Auditorio de Ferrol. A actuación enmárcase no Ciclo Sons Ferrol, promovido pola concellaría de Cultura coa colaboración de I-Radia Crea. A banda presentará “Agujeros de Gusano”, o seu segundo álbum, que colleitou numerosos éxitos de crítica e público.
As entradas para asistir ao directo están á venda, por un prezo anticipado de 17 euros. Pódense adquirir no despacho de billetes do Teatro Jofre ou a través de servinova.com. O propio día do concerto terán un prezo de 20 euros.
Imprescindible no pop español de 2014
Izal nace en Madrid en 2010, cando 5 músicos cunha década de proxectos ás súas costas deciden embarcarse nesta nova formación, que inicia a súa andaina dun xeito totalmente autoxestionado. Liderados por Mikel Izal, voz e compositor, buscan un son que mestura a calidade melódica e lírica.
No seu primeiro ano de vida comezan un maratón de directos, chegando a facer 60, nos que logran vender todas as copias do seu primeiro EP autoeditado “Teletransporte”. Un dos puntos álxidos e claves foi a súa inclusión no cartel do Sonorama, o festival de Aranda de Duero, referente da música independente española.
Despois deste primeiro EP, en marzo de 2012 publican o primeiro longa duración “Magia & Efectos Especiales”, esgotado aos poucos meses da súa edición, de novo autoxestionada e que os leva a unha intensa xira polas salas e festivais de todo o país que se prolonga durante todo o ano seguinte.
É en 2013 cando reciben o galardón ao Mellor Grupo Revelación nos Premios da Música Independente, o recoñecemento da revista Rolling Stone e cando compoñen o que será o disco co que dan o salto definitivo á primeira liña musical.
Neste ano “Agujeros de Gusano” está a supoñer para Izal un aplauso unánime, con milleiros de copias vendidas e entradas esgotadas para os seus concertos. O seu nome protagoniza a práctica totalidade dos festivais deste verán, nunha intensa xira que os levará ademais a Santiago de Compostela e Ferrol.
ENTRADAS: Teatro Jofre e servinova.com.