Ith “O mínimo que o contén todo”

Abril 04, 2018

Desde Mesía, e tomando o nome do fillo de Breogán, regresa esta banda de rock en galego para lle dar continuación ao seu debut “Forte” (2015). Desta vez faino cun mini álbum gravado, producido e mesturado nun dos estudios e cun produtor de referencia no país: Abrigueiro Estudios (Friol) de Arturo Vaquero. Xa que logo, preséntanse cun son ben aquelado.

“O mínimo …” son seis temas propios e un poema musicado do poeta samanense Fiz Vergara Vilariño: “Fiz”, ben acaído ao estilo da banda. Desde a autoxestión, presentan unhas letras sinxelas que reivindican emocións e sentimentos interiores e tamén sociais; a ritmo de rock clásico, ás veces cara ao heavy e outras algo máis pop, pero sempre coa voz de Lucía á fronte achegando un toque épico. “Só eu”, “Medo a perder” ou a canción que titula o disco son exemplos meritorios dun bo facer, humilde e honesto, sen grandes pretensións nin sorpresas.

Unha proposta moi centrada nas súas coordenadas, que agradará ás fans do estilo e talvez deixe indiferente o resto do público. É o que ten o rock clásico, desde a resistencia e á marxe das modas.

Pepe Cunha, 4-abril-2018

AXENDA