Isto non é outro festival. SinSal. San Simón 2024

Agosto 05, 2024

Para comezarmos a falar do Festival Sinsal arredemos precisamente a denominación de “festival”. Aínda que só sexa por marcarmos a diferencia con respecto da maioría de eventos. Aquí non se trata do remuíño de ofrecer nomes moi coñecidos e xuntar o maior número de xente posíbel. Non obstante, o cartel musical degustado en conxunto acaba por ser enorme e as entradas esgótanse o mesmo día en que se poñen á venda, pois a capacidade na illa limítase a unhas 800 persoas. Iso si, ten a ver con citas recollidas, carteis máis arriscados e lugares con encanto.

Precisamente a Illa de San Simón en si mesma é a protagonista canda o clima de convivencia que coa súa complicidade crea a organización. Ben sabemos que o máis coñecido non adoita ser o mellor, o máis curioso, orixinal ou interesante e nesa liña os programadores traen o que queren acorde ao seu criterio e procuran que no seu conxunto a parte musical, ese cartel secreto, pague moito a pena. Súmenlle ademais unha loxística coidada para os desprazamentos en barco de artistas, técnicas e público, unha oferta gastronómica exquisita, actividades paralelas para coñecer e gozar da illa, unha exposición aberta ao recoñecemento de pioneiras na “industria” musical, e eses momentos inesquecíbeis de gravación ao vivo en cilindro de cera … Moito e pouco habitual nunha mesma ocasión.

Aquí vense a descubrir propostas musicais, a convivir persoas moi melómanas e non tanto, dende quen aprecian músicas máis recollidas a quen só queren bailar e estar con colegas. Facilítase un ambiente de respecto ás demais e á natureza, aínda que moitas fumadoras obviasen as zonas habilitadas ou houbese que acomodar a política de Sinsal-Sin Rastro de que cadaquén levase os seus útiles e cargase co seu propio lixo. Ano tras ano a organización segue a autoanalizarse para non se durmir en calquera aspecto mellorábel e por iso non esquece detalles dos que marcan. Este ano, por exemplo, apreciamos a reivindicación da memoria do compositor Reveriano Soutullo e o seu cuñado, Diego San José, preso en San Simón; bautizaren como “rock and roll” un escenario en memoria dun amigo finado que repetía “que o rock and roll ilumine tu corazón”; ou agasallaren cunha figura de Sargadelos á parella da banda Unsafe Secret Garden que adiou a súa voda para estar connosco.

 

Non o dubiden, fagan por probar esta experiencia polo menos unha vez. As súas orellas e a súa mente agradecerano. Un verán máis gozamos dun momento exclusivo de convivencia e desconexión, todo un agasallo para quen vai disposta a deixarse levar no mellor contexto: unha contorna con historia, cultura, natureza e localización de seu.

A continuación repaso boa parte -desculpen que deixe fóra as sesións DJ- do cartel musical do Sinsal 2024 SON Estrella Galicia, que propuxo 26 bandas e solistas de 16 países, a maioría debutantes na Galiza e o estado español. Apreciamos un ramo de estilos diferentes non só en orixes, senón tamén en estilos, tendencias e actitudes agrupadas ao redor dun denominador común de inquedanza e singularidade.

Venres 26

Cando arribamos á illa, soaba unha sesión de casetes e cintas magnetofónicas a cargo de Isaac Pérez Vicente no escenario Malmequeres. Uns momentos para nos situar e Sessa estreou o palco grande, o da enseada ou o Son Estrella Galicia. O trío brasileiro liderado por Sérgio Sayeg bebe da psicodelia e a bossa nova e retrotróuxonos aos tempos do movemento tropicalista.

É habitual que o festival programa bandas galegas e a primeira deste ano foi Fantasmage, que volvían aos palcos alternativos dez anos despois. O seu son punk a batería e guitarra casa ben co “repunte” retro que se está a producir nalgúns estilos.

No escenario de San Antón, bautizado como rock and roll en lembranza dun bo amigo da organización, Clarissa Connelly transportounos aos mundos celta e nórdico co seu cantar élfico. Un deses pratos delicatessen no palco reservado con acerto e consolidado ás propostas que reclaman silencio do público, de aí as cadeiras que se habilitan.

 

De volta nos Buxos, outra mostra da querenza de moitas bandas portuguesas co pop rock melancólico e alternativo dos 80, duns Echo and the Bunnymen, por exemplo. En formación de sexteto, os Glockenwise soaron realmente ben e confirmaron as boas críticas recibidas polos seus últimos álbums. Porén, cumpría seguir na liña ascendente da xornada cunha última actuación que convencese padais distintos e iso é o que fixo o inclasificábel colectivo suízo Orchestre Tout Puissant Marcel Duchamp no palco grande. Un nutrido feixe de instrumentistas que semellan tirados de proxectos totalmente diferente para se pasearon por case todos as influencias posíbeis, desde ritmos africanos a orquestras occidentais. Unha auténtica apisoadora.

Sábado 27

Debido ao atraso dun voo, foi necesario mudar os horarios previstos que aparecían nos paneis informativos, mais a organización fixo todo o posíbel para causar o menor trastorno posíbel. Á hora prevista si abriron os “locais” Isius cunha proposta máis habitual noutras citas: pop rock ás veces escorado ao power outras ao folk pero executado con gusto e convincente para abrir a xornada.

No consolidado escenario de San Antón agardaba xa a proposta de Mohammad Reza Mortazavi e o seu universo de percusións “parlantes”. Foi fascinante velo tocar o tombak e o daf nunha viaxe no tempo, do pasado ao presente e volta ao ancestral nos tres fragmentos en que dividiu o seu aplaudidísimo concerto.

Coa mente aínda atrapada pola experiencia chegou unha labazada zappatista dende Guimaraes con Unsafe Space Garden. Como se soe dicir, meteron o público no seu peto a base de colorido, comedia, surrealismo, teatralidade, rock acedo e falla de prexuízos á maior honra dun Frank Zappa. Outra das propostas triunfadoras deste SinSal.

De consideramos só o aspecto musical, tamén poderían estar entre os máis interesantes o concerto da formación nipoa Goat. O seu vai de experimentación, virtuosismo, ritmos complexos, minimalismo, kraut rock … e precisa de atención para acabar atrapado pola súa música.

 

Algo que doutro xeito consegue a tamén nipoa Ichiko Aoba. O escenario de San Antón foi o lugar ideal para celebrarmos o silencio, a calma, a paz, arroladas por unha proposta entre un pop do máis sentimental e familiar por estes lares con folk máis propio do seu país. Fermosísimo.

Acorde á diversidade de propostas tan do SinSal, desde Barcelona chegou nada menos que punk co trío Prison Affair. Pezas breves, directas, aceleradas, distorsión, mensaxes entre tolas, lúcidas e tamén, como corresponde, irreverentes.

Se faltaba unha proposta colaboradora en si mesma chegou a do colectivo Mestizo, con músicos urbanos de Reino Unido e Colombia. Resultou outra das que máis convenceron o público a base dunha execución precisa de ritmos de diferentes latitudes, baile e carisma. Quen optase por se relaxar, tivo a opción dos microconcertos de clásica en San Antón.

A fin de festa en cada xornada tamén é un clásico. Desde o colectivo de sons urbanos Nyege Nyege Tape tivemos a nixeriana Aunty Rayzor que, literalmente, arrasou a base de entrega e música de clube de mensaxe feminista tan potente como os seus beats e os ritmos tradicionais.

Domingo 28

Se na xornada do sábado a organización resolveu a reestruturación dos horarios, para moitas o domingo cometeu o erro de facer coincidir dúas propostas de corte similar, neste caso relaxadas e contidas. Se ben o SinSal ofrece un bo feixe de actividades paralelas, os concertos só se solapan cando un deles é no escenario de San Antón, reservado con éxito para as propostas máis intimistas e demandantes de silencio. Era o lugar acaido para a gaiteira escocesa Brìghde Chaimbeul, que conxuga o ancestral e orgánico coa vangarda electrónica cun ar ambiental característico da música continua oriental. Mais tamén podía selo para a artista que á mesma hora actuaba no escenario Buxos: a palestina Haya Zaatryهيا زعاترة agradou cunha música de selo mediterráneo, psicodelia e canción do pobo árabe.

No escenario principal, os murcianos Maestro Espada repasaron as pezas que aparecerán en setembro no seu primeiro álbum. A súa revisión da tradición e algúns instrumentos folclóricos de Murcia coa electrónica actual foi do mellor da edición sinsaleira deste ano. os tradicionais e desde esta raíz, inspirándose no antiguo cancioneiro murciano, conectar a horta co óxido. Tras eles, no escenario Buxos esperábanos a cantautora lusa María Reis e unha proposta íntima que non chegou a emocionar tanto como prometía malia unha calidade incuestionábel.

Nun deses chimpos estilísticos de 180 grados tan propios do eclecticismo da cita, chegou á enseada a revolución desde o baile urban e a mensaxe contra tópicos, clixés e machismos de Lapili, un deses momentos tamén tan SinSal de nos poñer diante dos nosos prexuízos, espertando opinións encontradas. Entrementres, no cemiterio de San Antón, a Orquesta Clásica de Vigo celebraba os seus 40º aniversario. Mais previsíbel era a proposta, de volta no Buxos, de Afrorack, que reinventa o techno cun trebello (sintetizador modular) construído polo propio ugandés Bamanya. Toda unha sesión de baile contido.

Se había un nome algo recoñecíbel era, por ser membro dos Arcade Fire, o de Will Butler e & Sister Squares. Os seus 50 minutos no escenario principal foron unha marabilla pop indie con entrega e carisma sen acenos esaxerados, recendo ochenteiro e cancións desas que teñen a maxia de enganchar á primeira escoita. Unha festa de principio a fin que brilla aínda máis no contexto dun festival pequeno en dimensión.

Porén aínda agardaba no Buxos o furacán de intensidade a base de samplers, entrega e teatralidade de Kabeaushe, que a montou, e ben gorda. Unha actuación en comuñón total cun público afervoado que apuraba os últimos minutos de música ao vivo. Se xa boa parte do público vén máis pola festa, non podía haber mellor final para outra edición dun SinSal que invita a repetir a experiencia, a descubrir propostas varias, sempre co protagonismo na curiosidade, a convivencia e un lugar único. Non é outro festival, é o SinSal.

Pepe Cunha, 5-agosto-2024

Facebook