nota:
O Fisterra Blues Experience anunciou as primeiras confirmacións da sexta edición do festival, que se celebra do 10 ao 11 de xuño. Dinamizar e por en valor esta localidade da Costa da Morte, son os obxectivos principais dun evento que este ano recupera espazos públicos da localidade. Desde hoxe están á venda os primeiros abonos a un prezo exclusivo de 30 €.
O Fisterra Blues Experience, que se celebra do 10 ao 12 de xuño aumentando nun día a programación, regresa este 2022, tras dous anos marcados pola pandemia, cargado de música e experiencias. Ademais de no campo de fútbol Ara Solis, nesta edición recupéranse as actuacións en espazos públicos da vila fisterrá e increméntase a capacidade no paseo en barco do “Blues a bordo” e na jam sessión do domingo no Semáforo de Fisterra.
A organización do FiBE 22 vén de poñer á venda os primeiros abonos a prezos hiperreducidos, logo de revelar algunhas das confirmacións musicais desta nova cita que contará coa actuación de Ilegales, un dos grupos máis emblemáticos do rock español. Coincidindo co 40 aniversario da banda, Ilegales recalan en Fisterra dentro da xira La lucha por la vida, o seu novo disco de estudio. Este concerto será un dos pratos fortes da cita, no que ofrecerán unha posta en escena espectacular para rememorar os clásicos máis soados do seu extenso repertorio xunto ás novas cancións.
O artista de Burundi e refuxiado político trala guerra civil e o xenocidio do ano 1993, J. P. Bimeni actuará xunto á The Black Belts, banda de 6 reputados músicos da escena madrileña, formada nos estudios de TucXone Records, onde deron forma ao seu debut Free Me, unha obra rebosante de ‘swamp soul’ e a Give me hope, o seu último álbum. Guitarras, teclados, unha sección de ventos e a envolvente voz de Bimeni farán bailar o público asistente a ritmo de rhythm’n’blues.
Coas súas harmonías cálidas e guitarra colorida, De Vacas traerán a Fisterra a súa lúdica e coidada posta en escena. As voces de Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero, xunto á guitarra de Guillerme Fernández, únense para dar vida ás súas particulares versións de grandes temas “venerados polas masas e maltratados pola historia”, como os hits “Amodiño” ou “Rexurdimente”.
Precursor da guitarra Rockabilly & Country no mundo, Al Dual é un dos artistas españois con maior recoñecemento na escena internacional do Rock n ́ Roll clásico. Al Dual gravou The Sun Session nos arquicoñecidos estudios Sun Records de Nashville, meca do blues, country, rhythm & blues e rockabilly. A Fisterra traerá eses sons procedentes de épocas primixenias da música americana que tan ben sabe rescatar.
Á espera de novas confirmacións, que serán anunciadas nos próximos días, no FiBE 22 estará tamén a Adrián Costa Blues Band, banda composta por músicos cunha longa experiencia na escena do blues en Europa, xunto á poderosa voz do brillante guitarrista compostelán Adrián Costa.
O Fisterrra Blues Experience forma parte dos Concertos do Xacobeo. Ademais da Xunta de Galicia, conta co patrocinio da Deputación da Coruña, o Concello de Fisterra e Estrella Galicia e a colaboración do Semáforo de Fisterra e Cruceros Fisterra. A produción corre a cargo de Nordesía producións e A Reixa producións.