Malia os cambios na formación, este novo álbum da banda xurdida de Caldas de Reis garda unha continuidade clara con “La transición de base” e “3”. Aquí seguen esas súas guitarras de corte “indie” contundentes, repetitivas e afiadas características dunha banda que desta vez asumiu máis directamente a produción. Desde as primeiras escoitas constátase que talvez este control maior evitou a entrada dunha luz de fóra necesaria para non pecar de ensimesmamento. O resultado é o énfase excesivo nunha atmosfera sombría, reflexiva e con abondo dramatismo.
As construccións chegan a abusar das mesmas cadencias e lugares, polo que cómpre salientar aquelas cancións que si rachan con esa certa linealidade. Entre elas, é o single “Han Solo” o tema con máis gancho grazas aos fraseos de guitarra e un retrouso efectivo. Apoiados en achegas de sintetizadores e batería tamén acadan notoriedade temas como a vibrante “Sinatra”, a bucólica “Todos los días amanece” e “Canción para el fin del mundo”. A lembranza do pop británico un chisco escuro dos 80 chega con “Todo” e o máis bailable co son máis sucio e distorsionado de “Mi gran Evasión”.
O álbum foi gravado nos estudios El Laboratorio Criogénico (Caldas de Reis) e mesturado en Planta Sónica 2 (Vigo), contando con Beni Ferreiro (membro do grupo) e Adolfo Langa coma productores. Se cadra unha produción externa axudaría a dar unha visión renovada da proposta da banda cara a esa continuación planeada para 2014. O formato físico vén presentado con capas a montar segundo as instruccións dun vídeo colgado en youtube e preparado para lle engadir ese segundo disco.
Pepe Cunha, 13-agosto-2013