Pasan os anos e os Igloo cumpren 10 na escea indie feita en Galiza malia non ter nunca chegado a un público maior. Isto pode deberse tanto a que non se deron as casualidades como a que non aproveitaran algunha oportunidade que se lles presentou. Manterse depende tamén de entregar cancións que queden entre o público e ter un selo máis diferenciador, algo característico, e aquí pode estar a súa eiva cara a unha repercusión maior. Porén, os de Beni Ferreiro teiman no traballo de facelo o mellor que saben.
Aproveitando a década de existencia deciden entregar un disco de repaso e celebración que axuda a verlles máis matices, pois recuperan cancións que quedaran fóra dos álbumes. Entre estas, “Restos de un naufragio” e “La reina ourensana”, que a partir de xa é un dos seus mellores temas canda o “Han Solo” do álbum anterior e que aquí interpretan en acústico ao igual que “Hada”, “Ausencia parcial” e “Nina Lukagina”. Outro atractivo son as dúas versións alleas que levan ben ao seu terreo: “El bello verano” (Family) e “Sugar Baby Love” (The Rubettes). Para completar todo este álbum non faltan as colaboracións de amigos espallados por todo o Estado como Miguel Rivera (Maga) en “Sin mentiras” e Ana Muñoz (Generosa) en “Todo”, cada unha remesturada e bailabilizada por un dos Stereotypo (Señor Magick e David Van Bylen). Do mesmo xeito, dous dos Cycle remesturan con selo propio “Han Solo”.
Estes álbumes adoitan ser irregulares no conxunto, mais tamén teñen o seu aquel, maior para fans da banda pola recuperación de temas agochados, A repesca desde o Igloo adáptase a esa impresión e vén presentada desde Ernie Producciones incluíndo o videoclip “EX” e coa orixinalidade dun sobre de papel transparente
Pepe Cunha, 1-xuño-2015